Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

A DIRECCIÓN CORRERÁ A CARGO DE MAXIMINO ZUMALAVE

A orquestra da EAEM ofrece un concerto co barítono Christian Hilz

[04/05/2007] O auditorio da Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM), en Santiago de Compostela, acolle o sábado 5 de maio, ás 20:30 horas, un concerto da orquestra de alumnos do centro, baixo a dirección do mestre Maximino Zumalave e co barítono alemán Christian Hilz como solista. O recital, de entrada gratuíta, prográmase como parte do plan pedagóxico da Sección de Formación Permanente da EAEM, dependente da Consellería de Cultura e Deporte a través do IGAEM (Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais).

O recital, que supón a introdución dos alumnos na práctica orquestral, presenta un programa integrado polas obras Dez melodías vascas, de J. Guridi, As cancións do camarada errante , de G. Mahler e a Sinfonía 101 (O reloxo)de J. Haydn.

Nesta ocasión, os xoves músicos estarán acompañados pola voz de Christian Hilz, barítono internacionalmente coñecido como un dos intérpretes máis versátiles do repertorio sinfónico e operístico actual.

Hilz adícase tanto ao período barroco como a música clásica e contemporánea e ten traballado con directores da sona de Andrew Parrott, Martin Haselböck, Nicolas McGegan, Joshua Rifkin, Ivor Bolton, Krzysztof Penderecki ou Joseph Pons. Dá recitais con regularidade por toda Europa xunto ao pianista Katja Bouscarrut, con quen gravou as cancións de Gustav Mahler e de Bruno Walter para o selo discográfico noruegués 2L. Outras gravacións súas inclúen obras de Bach, Homilius, Meder, Mozart, Schubert, Schumann, Lortzing, Sterk, Klemmstein e o Requiem for the victims of nazi persecution de Stale Kleiberg. O seu repertorio abrangue parte das obras de Britten, Berg, Menotti e Penderecki, o que lle permite demostrar o alcance do seu talento interpretativo.