Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

AS FUNCIÓNS SERÁN MÉRCORES E XOVES ÁS 20:30 HORAS

BalletNorte presenta no Salón Teatro de Santiago o espectáculo 'Atlántica', coproducido co Centro Coreográfico Galego

[20/10/2015] A compañía galega de danza BalletNorte presenta o espectáculo 'Atlántica' mañá mércores 21 e o xoves 22, os dous días ás 20:30 horas, no Salón Teatro de Santiago. A montaxe, realizada en coprodución co Centro Coreográfico e con dirección do coreógrafo Juan Miguel Hernández, rende unha homenaxe aos autores do Rexurdimento por medio da danza.

Imaxe do espectáculo

A peza, que conta con música orixinal do compositor Ismael Berdei e cun espazo audiovisual deseñado por Pixel Films, está interpretada por un elenco integrado por 14 bailaríns e bailarinas: Silvana Sestelo, Julia Méndez, Ailén Ramos, Juan M. Hernández, Miguel A. Ponte, Rosalía Vázquez, Iago Alonso, Dyron Valdés, Fernando Piñeiro, Noemi Trincado, Paula Ripol, Yolanda Pérez, Lidia González e Luisa Isabel Vázquez.

‘Atlántica’ chega deste xeito a Compostela despois da súa estrea o pasado 18 de setembro no Teatro Colón da Coruña e tralo seu paso por distintos escenarios galegos. As entradas para ver o espectáculo no Salón Teatro están á venda nas canles e horarios habituais; e sobre os descontos xa estipulados, aplícase adicionalmente o do Bono- Tarxeta Cultura Galega.

Recreación neoclásica
A proposta dunha recreación de estilo neoclásico, inspirada nos poetas do Rexurdimento literario galego e como homenaxe á súa achega á nosa cultura. A través dunha visión contemporánea, a obra busca facerlles partícipes aos espectadores de soidades, temores, amores e desamores, tomando como punto de partida un fragmento da novela de Manuel Murguía ‘La mujer de fuego’.

Ao tempo, o título ‘Atlántica’ fai referencia á importancia que o mar ten para Galicia, tanto como medio de vida como por ser vínculo entre culturas e nexo de unión co continente americano debido á emigración.

Durante o período de ensaios anterior á estrea, BalletNorte recibiu asistencia por parte do Centro Coreográfico Galego Galego da Consellería de Cultura, Educación e Educación Universitaria en canto a análise, asesoramento, planificación e viabilidade de estratexias, xestión, financiamento, comercialización e aspectos artísticos.

Debut coreográfico
‘Atlántica’ é a primeira peza como coreógrafo de Juan Miguel Hernández e tamén a primeira produción de BalletNorte, compañía con sede na Coruña da que é titular Paloma Pérez Colomer. Está integrada por bailaríns e bailarinas de diferentes nacionalidades, aínda que a maior parte son de orixe galega. Todos eles posúen formación en danza clásica e contan con interpretacións neoclásicas e contemporáneas nas súas traxectorias.

Juan Miguel Hernández (Madrid, 1975) realizou estudos de danza en Madrid na Escola María de Ávila, no Real Conservatorio Profesional de Danza e na Escola de Víctor Ullate. Posúe unha ampla carreira como bailarín solista e de corpo de baile en pezas asinadas por creadores tan recoñecidos como Nacho Duato, Maurice Bêjart, William Forsyhte, Hans van Manen ou Víctor Ullate. Nos últimos anos formou parte dos elencos de pezas do Centro Coreográfico Galego, como ‘Magnificat’, de Amaury Lebrun; ‘Honey Moon’, de Toni Fabre; ‘Aínda’, de Mercedes Suárez; ou ‘Full House’, de Johan Inger.