Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

ESCENIFICARANSE 'MICRO IMPACTOS' E 'SEXUS 3'

O Salón Teatro súmase mañá como escenario do festival WOSINC coas creacións de Voltage Opposites e de Quimera Rosa

[11/09/2015] O Salón Teatro de Santiago acolle mañá sábado 12 de setembro as vangardistas propostas escénicas das agrupacións Voltage Opposites e Quimera Rosa, incluídos dentro da programación do Festival WOSINC que se está a desenvolver en dez espazos da cidade.

Escena de 'Micro Impactos'

WOSINC é un encontro de carácter anual que celebra en Compostela a súa segunda edición. Defende unha visión ampla da cultura alternativa e de vangarda. Coa música como motor principal pero cunha clara vocación multidisciplinar, promove, a partir dun contexto íntimo, a busca e difusión de novas propostas culturais.

Como un dos espazos do WOSINC, o Salón Teatro, pertencente á Consellería de Cultura e Educación, recibirá na tarde de mañá unha sesión dobre, que comprenderá as actuacións do dúo Voltage Opposites con 'Micro Impactos', ás 18.45 horas, e do colectivo Quimera Rosa, con 'Sexus 3', ás 20:45 horas.

A artista visual Adriana Pazos, a bailarina e coreógrafa Paula Quintas e o artista sonoro Xoán-Xil López forman Voltage Opposites, unha compañía que desenvolve diversas liñas de investigación sobre a relación entre a danza contemporánea, o vídeo en tempo real, a experimentación sonora e o emprego de novas tecnoloxías.'Micro Impactos' é unha síntese de todas estas linguaxes nas que buscar unha relación entre o corpo físico, dixital e sonoro.

Pola súa banda, Quimera Rosa é un laboratorio de experimentación e investigación sobre identidades, corpo e tecnoloxía, e o seu traballo foi presentado en rúas, centros de arte, universidades, museos, edificios ocupados e festivais. Herdeiras dos discursos transfeministas e postidentitarios, fan do seu corpo unha plataforma de intervención pública, xerando rupturas na fronteira entre o público e o privado.
A súa performance 'Sexus 3', facendo un xesto á pianista de Elfriede Jelinek, revisita o universo da película 'Blade Runner', facendo confluír 'body noise' en directo ou sexo 'gender hacking' para poñer a proba a empatía do espectador.

Ligazóns