Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

'SOLO ANTE LA PELIGROS' REPRESÉMTASE MAÑÁ E O DOMINGO, ÁS 20.00 HORAS

O grupo teatral de Down Compostela regresa ao Salón Teatro para a estrea do seu novo espectáculo

[12/06/2015] O Salón Teatro da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria volve ser o escenario para a estrea dun novo espectáculo do Grupo de Teatro Down Compostela, que desta volta presenta unha particular versión do xénero western baixo o título ‘Solo ante la Peligros’. A formación dirixida por Lucas Herrador ofrecerá dúas funcións desta montaxe mañá sábado e o domingo, ás 20.00 horas.

Solo ante la peligros

Por cuarto ano consecutivo, o Centro Dramático Galego colabora coa Fundación de Síndrome de Down cedéndolle a súa sede para as montaxes da súa compañía teatral, realizadas no marco dun amplo programa de actividades que ten entre as súas prioridades garantirlle ás persoas con discapacidade intelectual maiores cotas de independencia e de participación social.

Meses de ensaio
Para a posta en escena do sétimo espectáculo deste grupo de teatro, Lucas Herrador conta coa participación de máis de 20 intérpretes, que levan meses ensaiando ‘Solo ante La Peligros’, do que xa ofreceron un pequeno adianto a finais do pasado marzo durante a gala de entrega dos Premios Down Compostela, celebrada no Hostal dos Reis Católicos.

Xunto coa implicación dos profesionais e familiares que integran Down Compostela, para o desenvolvemento da súa nova proposta a formación contou tamén coa colaboración do pintor Rafael Romero, autor do cartel, ou de Blanca Villar, encargada do vestiario, entre outras achegas.

A entrada para asistir a ambas as funcións de ‘Solo ante La Peligros’ no Salón Teatro é gratuíta, previa retirada dos convites no despacho de billetes, que abrirá ao público desde dúas horas antes do comezo das representacións.

Ligazóns