Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

A DRAMATURXIA GALEGA INCORPÓRASE POR VEZ PRIMEIRA AO REPERTORIO DO PRINCIPAL TEATRO PÚBLICO DE PORTUGAL

A versión portuguesa de 'Saxo Tenor', de Vidal Bolaño, polo Teatro Nacional D. Maria II de Lisboa presentarase en Santiago o 29 e 30 de maio

[18/05/2015] O Teatro Nacional D. Maria II (TNDM II) de Lisboa presentarase en Santiago de Compostela a vindeira semana para achegarlle ao público galego a súa adaptación da obra ‘Saxo Tenor’, de Roberto Vidal Bolaño, que porá en escena os días 29 e 30 de maio no Teatro Principal. A versión portuguesa deste recoñecido texto do teatro galego contemporáneo é, ademais, o primeiro título da nosa dramaturxia que leva ás táboas o principal teatro público do país veciño.

Sax Tenor

A incorporación da obra de Vidal Bolaño ao seu repertorio é o resultado do acordo que o TNDMII mantén co Centro Dramático Galego (CDG) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para o intercambio de autores fundamentais de ambas as dramaturxias e dentro do que a compañía institucional galega produciu ‘Xardín suspenso’, de Abel Neves. Para a exhibición en Galicia de ‘Sax Tenor’ (título en portugués do espectáculo) cóntase, ademais, coa colaboración do Concello de Santiago.

Pase escolar
Nesta liña de traballo conxunto incidiuse hoxe durante a presentación aos medios das dúas funcións para público xeral desta proposta, programadas para o venres 29, ás 17.30 horas, e o sábado 30, ás 20.30 horas. Ademais destas representacións, a compañía pública portuguesa ofrecerá un pase escolar o venres, ás 11.00 horas.

José Martins, director escénico da montaxe que estes días pode verse en Lisboa, desprazouse á capital de Galicia para participar nesta presentación, na que tamén interviñeron Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura; María Antón, concelleira de Cultura de Santiago de Compostela; Manuel Guede Oliva, director do CDG e coautor xunto a Martins da tradución ao portugués do texto de Roberto Vidal Bolaño; e José Víctor Carou, director do Auditorio de Galicia.

Novas fiestras para o diálogo cultural con Portugal
A colaboración emprendida entre o CDG e o TNDM II no ámbito das artes escénicas insírese na aposta da Consellería de Cultura e Educación por "abrir novas fiestras a prol do intercambio cultural entre Galicia e Portugal", afirmou Anxo Lorenzo, quen recordou algunhas das actuacións máis recentes realizadas para avanzar nesta dirección.

Entre elas destacou a sinatura dos memorandos de entendemento co Instituto Camões, para impulsar o ensino do portugués en Galicia, e mais coa Dirección Rexional de Cultura do Norte e a Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal, centrado no ámbito do libro e da literatura, dúas actuacións que se enmarcan na Lei 1/2014, do 24 de marzo, para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía e que "constitúen novos pasos afianzar os lazos culturais que unen os dous territorios".

Tamén se inscribe neste obxectivo, segundo afirmou, a realización do ciclo ‘Portugal-Galicia: Escenarios para un encontro’, que se desenvolve neste mes das letras no TNDM II. Mañá martes terá lugar a segunda sesión da iniciativa, que contará cun recital poético a cargo de Yolanda Castaño, Eva Veiga, Alba Cid e Maria João Cantinho, xunto coa actuación do compositor galego Xoán Curiel, acompañado do músico Sérgio Tannus.

Catorce intérpretes
En ‘Sax Tenor’, José Martins ponse á fronte dun elenco de 14 intérpretes (João Grosso, Hugo Franco, Jorge Albuquerque, Maria Amélia Matta, Maria Jorge, Rita Figueiredo, Lita Pedreira, Bernardo Chatillon, Luís Geraldo, Lúcia Maria, Paula Mora, José Neves, Manuel Coelho e Maria Ana Filipe) para lles dar vida aos numerosos personaxes desta "desgraza suburbana improbable entre loucos, gangsters, chulos e putas", tal e como foi subtitulada no seu día polo propio autor. Rui Francisco é o deseñador da escenografía e do vestiario, mentres que José Carlos Nascimento asina a iluminación.

O texto de Vidal Bolaño (Santiago de Compostela, 1950-2002) foi proposto polo Centro Dramático Galego para esta colaboración institucional co Teatro Nacional D. María II como un dos textos claves na ampla obra do que é un dos máis importantes dramaturgos galegos contemporáneos. Definido pola compañía pública portuguesa como "herdeiro lexítimo de Ramón María del Valle Inclán", o autor e director galego escribiu esta peza en 1991 a modo de esperpento do século XX, cunha trama que se desenvolve á sombra da catedral compostelá. O texto foi galardoado co Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais e levado a escena por Teatro do Aquí, a compañía de Roberto Vidal Bolaño, baixo a súa dirección.

Venda de entradas
As entradas para as funcións de ‘Sax Tenor’ en Santiago de Compostela están xa á venda no web entradas.abanca.com, no teléfono 902 434 443 e no despacho de billetes do Teatro Principal, aberto ao público de martes a sábado, de 18.00 a 21.00 horas. O espectáculo inclúese, así mesmo, na oferta do Bono de Teatro Galego (e Portugués), promovido conxuntamente polo Concello de Santiago de Compostela e a Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais).

[© Imaxe de Filipe Ferreira]

Ligazóns