AGADIC

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e TurismoAGADIC

Noticias

DO 14 AO 17 DE MAIO, ÁS 18.00 E ÁS 20.30 HORAS

O Salón Teatro recibe a compañía Talía para catro sesións dobres cos seus espectáculos 'Sopa de sapo' e 'Demolición'

[12/05/2015] A compañía Talía Teatro desembarca esta semana no Salón Teatro de Santiago de Compostela coas súas dúas últimas propostas para público familiar e adulto -‘Sopa de sapo’ e ‘Demolición’, respectivamente-, que se representarán na sede do Centro Dramático Galego en función dobre desde o xoves 14 ata o domingo 17.

Demolición

Estas catro xornadas darán comezo ás 18.00 horas co espectáculo ‘Sopa de sapo’, unha comedia escrita e dirixida por Artur Trillo que nos mergulla nos contos tradicionais de bruxas e feitizos. Recomendada para unha franxa de idade de entre 6 e 11 anos, trátase dunha historia sobre unha familia de meigas, á que nesta ocasión dan vida Carla Capeáns, Diego Rey, Marta Ríos e Rubén Prieto.

Tras as representacións de ‘Sopa de sapo’, as portas do Salón Teatro volverán abrirse ás 20.30 horas para a montaxe ‘Demolición’, escrita e dirixida para Talía por Cándido Pazó e protagonizada por Toño Casais e Artur Trillo. En palabras da propia compañía, trátase dun "comidrama" co fracaso colectivo e a fraxilidade humana como pano de fondo. A especulación e a crise inmobiliaria serven de motor argumental para unha peza que se constrúe a partir da divertida relación entre os seus dous personaxes e dos seus enxeñosos diálogos, así como das reflexións que estes suscitan no público.

Venda de entradas
As entradas para ambos os espectáculos están xa á venda a través do web entradas.abanca.com e no despacho de billetes do Teatro Principal, aberto de 18.00 a 21.00 horas. Os días das funcións, tamén poderán adquirirse na billeteira do propio Salón Teatro desde as 16.00 horas. ‘Demolición’ inclúese, así mesmo, na oferta do Bono de Teatro Galego (e Portugués), promovido conxuntamente polo Concello de Santiago de Compostela e a Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais).

Cunha decena de montaxes en xira e 37 realizadas desde a súa fundación en 1988, Talía Teatro confírmase como unha das formacións escénicas galegas con maior capacidade de produción e distribución a partir de obras que definen un estilo propio e orixinal. As súas máis recentes producións chegan agora ao Salón Teatro, onde a compañía xa desenvolveu a primeiros de ano unha campaña escolar cos seus dous espectáculos sobre o galego: ‘Bicos con lingua’ e ‘Pelos na lingua’.

Ligazóns