Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

IMPARTIDO POR ERIC TERWILLIGER

Un total de 12 alumnos asiste ao curso de trompa na Escola de Altos Estudos Musicais

[15/05/2006] Un total de 12 alumnos asistirá a partir de mañá ao Curso de Trompa que impartirá o mestre estadounidense Eric Terwilliger, trompa solista da Orquestra Filharmónica de Múnic, na sede da Escola de Altos Estudos Musicais -EAEM- en Santiago de Compostela. O encontro, que se desenvolverá ata o vindeiro 20 de maio, insírese dentro do programa de formación permanente deste centro que xestiona a Consellería de Cultura e Deporte a través do IGAEM -Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais-.

Terwilliger impartirá un total de seis xornadas lectivas, en horario de 10.00 a 14.00 horas e de 16.30 a 19.30 horas, durante as que afondará en distintos aspectos teóricos sobre a trompa, traballando cos alumnos a técnica interpretativa e o estudo de varias obras para este instrumento.

Destacado profesional

Nado en Bloomington -Indiana, EE.UU.-, Eric Terwilliger é trompa solista da Orquestra Filharmónica de Múnic dende 1976 e do Chamber Virtuoso desta mesma cidade alemá dende 1986. Tras graduarse en interpretación en 1975, estudou con Michael Hötzek na NWD Musikhochschule de Detmold -Alemaña- e na Mozarteum de Salzburg -Austria-.

Dous recoñecementos internacionais –a medalla de prata que obtivo no Concurso Internacional de Xenebra en Suíza en 1976 e o primeiro premio no II Concurso de Trompa en Liexa -Bélxica- en 1981– marcaron o inicio da súa traxectoria como solista, que compaxina con actuacións xunto a orquestras de renome, como as filharmónicas de Múnic, Viena e Berlín, e con grupos de cámara como o Viena Chamber Ensemble ou o Viena Wind Octett. Dende 1994 é profesor de trompa na Universidade Johannes Gutemberg de Mainz -Alemaña- e no Conservatorio Richard Strauss de Múnic, actividade que compaxina coas clases maxistrais que imparte en diferentes países.