Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

A NOVA PRODUCIÓN DO CDG, DIRIXIDA POR CÁNDIDO PAZÓ A PARTIR DA OBRA DE ABEL NEVES, PODERÁ VERSE DO 13 AO 29 DE MARZO NO SALÓN TEATRO

O Centro Dramático Galego presenta o espectáculo 'Xardín suspenso' como resultado do avance no intercambio escénico con Portugal

[11/03/2015] O espectáculo 'Xardín suspenso' estréase este venres día 13, ás 21.00 horas, no Salón Teatro de Santiago como nova produción do Centro Dramático Galego (CDG), que desta volta conta con Cándido Pazó na dirección escénica e con César Cambeiro, Melania Cruz, Rocío González, Luisa Merelas, Santi Romay e Ana Santos na interpretación. Realizado a partir do drama asinado por Abel Neves, un dos dramaturgos máis recoñecidos da actual escena portuguesa, o espectáculo poderá verse ata o 29 de marzo na sede compostelá da compañía pública galega, onde desenvolverá oito funcións xerais e catro pases matinais para centros educativos antes de iniciar unha xira de dous meses que rematará a finais de maio en Lisboa.

Presentación de Xardín suspenso

A elección deste texto, que -en palabras de Cándido Pazó- "remexe no microcosmos das relacións familiares" para abordar "a historia de algo tan trivialmente dramático como unha promesa de amor incumprida", responde ao primeiro acordo institucional asinado entre o CDG e a Teatro Nacional Dona María II (TNDMII) de Portugal para o intercambio de autores fundamentais entre as escenas galega e lusa.

Así, ao tempo que a unidade teatral da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria leva ás táboas a obra de Abel Neves, representada anteriormente polo TNDMII, o principal teatro público do país veciño está a preparar a adaptación lusa de 'Saxo tenor', do galego Roberto Vidal Bolaño, cara á súa estrea en Lisboa o 7 de maio. Baixo o título 'Sax tenor', a produción portuguesa representarase en Santiago o 29 e 30 de maio, mentres que o espectáculo galego estará do 28 ao 31 dese mes na Sala Garrett de Lisboa, o escenario principal da sede do Dona María II.

Intercambio estratéxico
O carácter estratéxico deste intercambio e as especiais características da versión galega de 'Xardín suspenso' centraron este mediodía a presentación aos medios da nova proposta do CDG, na que participaron o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, e o director do Centro Dramático Galego, Manuel Guede Oliva, así como Cándido Pazó, as actrices Melania Cruz e Rocío González, e o actor Santi Romay.

Na súa intervención, o secretario xeral de Cultura afirmou que a estrea de ‘Xardín suspenso’ confirma a intención marcada polo CDG de recuperar o diálogo coas artes escénicas de Portugal dun xeito non puntual, senón como estratexia de futuro. "Esta produción é a mellor proba de que os obxectivos se están cumprindo e da revitalización do intercambio escénico entre Galicia e Portugal", asegurou. Anxo Lorenzo destacou, así mesmo, a "enorme calidade" do texto de Abel Neves, a quen se referiu como dramaturgo de referencia no ámbito da produción dramática portuguesa; e tivo tamén palabras de gabanza para Cándido Pazó e para o reparto do espectáculo, cuxo traballo "vai ser mostra -dixo- da vitalidade dos actores e actrices que forman parte do noso sistema teatral".

Ademais do elenco, entre o que atopamos nomes ben coñecidos do público tanto pola súa traxectoria teatral como polos seus papeis en exitosas series da Televisión de Galicia, no equipo artístico que Cándido Pazó dirixe para o CDG figuran Carlos Alonso (escenografía e figurinismo), Manuel Riveiro (composición musical), Afonso Castro (iluminación), Martina Cambeiro (maquillaxe) e Belén Pichel (asistente de dirección). O propio Pazó asina, ademais, a versión galega do texto xunto a Guede Oliva, mentres que Afonso Becerra de Becerreá foi o encargado de elaborar o caderno pedagóxico.

Labirinto de emocións
Nas súas claves da obra, Becerra de Becerreá explica que, a través do emprego de múltiples símbolos e de atmosferas desacougantes, ‘Xardín suspenso’ introduce o espectador nun labirinto desde o que lle propón un xogo de enigmas arredor do que lle acontece a Lucía, a personaxe interpretada por Melania Cruz, e dunha cuestión central: Ata onde pode levar a constancia e a fidelidade absoluta a unha promesa de amor incumprida?

Para a versión do Centro Dramático Galego, Carlos Alonso deseñou un xardín ao estilo zen -de area branca, desprovisto de plantas e apenas sen decoración-, que serve de metáfora do estado letárxico no que se somerxe Lucía cando Mateo (Santi Romay) anuncia a súa voda con Paula (Rocío González), crebando así o seu compromiso de amor adolescente. Mais o xardín reflicte tamén a incapacidade de reacción por parte dos pais de Lucía (César Cambeiro e Ana Santos) diante dunha situación que altera a aparente normalidade familiar e que se nos anuncia como unha traxedia inminente ante a impotencia e resignación da avoa, interpretada aquí por Luisa Merelas.

Segundo Cándido Pazó, nesta peza pola que Abel Neves gañou en 2009 o Prémio Luso-Brasileiro de Dramaturgia António José da Silva, o máis importante dos certames de literatura dramática do ámbito lusófono, "parecería que o autor pediu a colaboración dun Racine, un Chekhov e un Ionesco para, sen que a orde dos factores altere o produto, desconcertarnos, emocionarnos, divertirnos, sacudirnos ou estremecernos".

Horarios e venda de entradas
Tras a función de estrea deste venres, 'Xardín suspenso' permanecerá ata o 29 de marzo no Salón Teatro, onde se ofrecerán outros oito pases para público xeral (venres e sábados, ás 20.30 horas, e domingos, ás 18.00 horas) e catro matinais, concertados con institutos de toda Galicia. No marco desta campaña escolar, os profesores contan co caderno didáctico que realizou Afonso Becerra como ferramenta para o traballo na clase con motivo da asistencia ao espectáculo.

A venda anticipada de entradas está dispoñible a través da web entradas.abanca.com, así como na billeteira central do Teatro Principal, aberta de martes a sábado de 18.00 a 21.00 horas. No despacho de billetes do Salón Teatro, poderán adquirirse os días de representación desde dúas horas antes do comezo da mesma. O seu prezo é de 10 euros os venres e sábados (con descontos do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xove e desempregados) e de 5 euros o domingo, día do espectador.

Ademais, estes oito pases para público xeral forman parte da oferta escénica adherida ao programa bonificado que a Agadic mantén co Concello de Santiago co obxectivo de promocionar as producións galegas e portuguesas que se exhiben nos escenarios composteláns de xestión pública. Este ‘Bono de teatro galego (e portugués)’ permite asistir a cinco funcións a escoller entre os espectáculos de 2015 e pode adquirirse a un prezo de 35 euros nas billeteiras do Teatro Principal e do Salón Teatro.

Xira
Tras a súa estadía en Compostela e antes de viaxar a Lisboa, ‘Xardín suspenso’ visitará outras nove localidades galegas: Narón (Pazo da Cultura, 11 de abril), O Barco de Valdeorras (Teatro Lauro Olmo, 17 de abril), A Estrada (Teatro Principal, 24 de abril), Pontevedra (Auditorio do Centro Social Afundación, 29 de abril), Vigo (Teatro Centro Cultural Afundación, 6 de maio), Tui (Teatro Municipal, 8 de maio), Rianxo (Auditorio Municipal, 15 de maio), Ourense (Teatro Principal, 16 e 17 de maio) e A Coruña (Teatro Rosalía Castro, 22 de maio).

Ligazóns