Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

A PEZA DE MARUXA SALAS CON MÚSICA DE BERROGÜETTO AMÓSASE MAÑÁ NO MOV-S DO MERCAT DE LES FLORS

"Vacuo", do Centro Coreográfico Galego, exhíbese en festivais de danza de Barcelona e Valencia

[12/04/2007] Vacuo, a peza inaugural do Centro Coreográfico Galego (CCG) creada e dirixida por Maruxa Salas, representarase dentro dos programas artísticos dos festivais Mov-s de Barcelona, onde se exhibirá mañá 13 de abril no Sant Andreu Teatre; e de Dansa València, que acollerá o espectáculo o luns día 30 na sala L’Altre Espai. A primeira coreografía da nova unidade de produción de danza da Consellaría de Cultura e Deporte amosarase deste xeito ante o público de dúas das citas máis importantes no ámbito da danza; e completa así o período de distribución que está a levar, cun grande éxito de público, por distintas localidades galegas.

A de 2007 é a primeria edición do Mov-s, un encontro organizado polo Mercat de les Flors que nace co obxectivo de relanzar a comunicación internacional da danza e das artes do movemento a través dun espazo de presentación de novos traballos de creación, de proxectos de artistas e de operadores culturais. A comisión de selección artística da organización deste evento, que se celebra do 12 ao 15 de abril, seleccionou a participación do CCG entre máis de 120 solicitudes de compañías de diversas procedencias.

Dansa València, festival pioneiro centrado na exhibición das últimas producións de danza realizadas en toda España, desenvólvese do 26 de abril ao 6 maio en cinco escenarios da cidade. Está promovido, desde a súa fundación en 1999, polo Centro Coreográfico de Teatres de la Generalitat Valenciana co apoio do INAEM. Nos seus 10 días de celebración acollerá 27 propostas escénicas en distintos formatos e linguaxes, conferencias, mesas redondas, exposicións, etc., sempre coa danza como protagonista.

Vacuo, que se estreou o pasado 6 de xaneiro no Teatro Rosalía Castro da Coruña, conta con música de Berrogüetto, espazo escénico e iluminación de Baltasar Patiño, vestiario de Ruth Días e pezas audiovisuais de Adriana Domínguez. A peza constrúese a través de catro fragmentos nos que, a través dunha metáfora que relaciona os bosques coas almas humanas, se compara a degradación da natureza co esquecemento de determinados valores na sociedade actual.