Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

O TEXTO DO AUTOR PORTUGUÉS ABEL NEVES ESTREARASE O 13 DE MARZO NO SALÓN TEATRO DE SANTIAGO

O Centro Dramático Galego inicia os ensaios do espectáculo 'Xardín suspenso' baixo a dirección de Cándido Pazó

[06/02/2015] A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria iniciou esta semana os ensaios da nova produción do Centro Dramático Galego (CDG), que levará a escena a peza ‘Xardín suspenso’ do dramaturgo portugués Abel Neves baixo a dirección de Cándido Pazó.

Detalle do cartel

Luísa Merelas, Ana Santos, César Cambeiro, Rocío González, Santi Romay e Melania Cruz conforman a compañía de actores e actrices que estreará este espectáculo o próximo 13 de marzo no Salón Teatro de Compostela. A posta en escena conta tamén cos traballos dos creadores galegos Carlos Alonso (na escenografía), Alfonso Castro (na iluminación) e Manuel Riveiro (na composición musical e espazo sonoro).

Este proxecto teatral forma parte do diálogo escénico que o CDG vén desenvolvendo co Teatro Nacional Dona María II de Lisboa, en virtude do cal a compañía pública galega asume a posta en escena de Abel Neves, considerado un dos grandes nomes da dramaturxia portuguesa contemporánea e gañador do Premio Luso-Brasileiro de Dramaturxia Antonio José da Silva en 2009 por este texto, en tanto que a institución teatral lusa levará tamén este ano ás táboas ‘Saxo Tenor’, obra cumio de Roberto Vidal Bolaño.

‘Xardín suspenso’ introduce o espectador nun labirinto e lle propón un xogo de enigmas a través do conflito no que se ve inmersa Lucía, a personaxe central da peza, unha arquitecta de vinte e sete anos que constrúe un xardín ‘zen’ na casa dos seus pais. Este espazo minimalista abeira a montaxe ao denominado teatro estático ou simbolista, no que priman os movementos da ánima, as pulsións interiores e a creación de atmosferas, outorgando gran relevancia ás accións lumínica e sonora.

De xeito paralelo aos ensaios, o CDG iniciou unha campaña de difusión da obra entre os centros de ensino secundario galegos, apoiada polo material pedagóxico elaborado por Afonso Becerra. Alumnos e profesores poderán asistir a catro funcións matinais programadas especificamente en Compostela para este fin días despois da estrea, concretamente o 18, 19, 25 e 26 de marzo.