[15/01/2015] O Salón Teatro, espazo escénico da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en Santiago de Compostela, programa esta fin de semana tres funcións de ‘Diálogo do can co seu amo’, a montaxe coa que Teatro do Morcego está a conmemorar os seus 25 anos en escena. As representacións terán lugar mañá venres e o sábado, ás 20.30 horas, e o domingo, ás 18.00 horas.
Celso Parada, director da histórica compañía galega e da montaxe, protagoniza xunto a Mundo Villalustre esta versión da obra do dramaturgo belga Jean-Marie Piemme, que eles mesmos definen como "unha sátira sobre a crise que morde con sal e humor nas conciencias dos amigos para espertalos".
Baixo o subtítulo ‘Sobre a necesidade de morderlle aos amigos’, esta historia dá comezo cando un porteiro dun hotel de luxo, que vive na precariedade da rúa, atopa un can ao que lle gusta interromper o tránsito. Estes dous inadaptados, un xeneroso e outro cínico, iniciarán entón un diálogo sobre o estado do mundo para finalmente descubrir a tenrura na voz dunha nena. Así, o espectáculo tórnase nunha sátira contra o egoísmo e nunha denuncia da hipocrisía da sociedade.
Oferta bonificada
As entradas para as tres funcións de ‘Diálogo do can co seu amo’ poden adquirirse tanto na billeteira do Teatro Pincipal, aberta de 18.00 a 21.00 horas, como na do Salón Teatro, desde dúas horas antes do comezo das actuacións. Este é, ademais, un dos espectáculos incluídos na oferta do Bono de Teatro Galego e Portugués que manteñen o Concello de Santiago e a Axencia Galega das Industrias Culturais. O Salón Teatro, o Teatro Principal e a Zona C forman parte desta iniciativa, que posibilita obter 5 entradas para 5 espectáculos por un total de 35 euros.
Coa estrea desta montaxe en 2014, Teatro do Morcego cumpriu 25 anos de actividade ininterrompida, situándose entre os grupos profesionais de teatro máis veteranos da escena galega. Fundada en 1989 por Celso Parada e Isabel Ávila, desde 2009 é ademais a compañía residente do Concello de Narón. Durante a súa ampla traxectoria ten recibido importantes premios como os Compostela por ‘Misterio cómico’ e ‘Doberman’ ou os María Casares por ‘Lazariño de Tormes’, ademais de ser finalista en varias edicións dos devanditos galardóns. Destacan entre as súas producións ‘Os vellos non deben de namorarse’, de Castelao; ‘O burgués fidalgo’, de Molière; ‘A gran ilusión’, de Eduardo de Filippo; ‘Morte accidental dun anarquista’, de Darío Fo, ou ‘O club da calceta’, de María Reimóndez, entre outras moitas. Na actualidade, tamén ten en cartel ‘Misterio cómico’, ‘Os patios da memoria’, ‘O lazariño de Tormes’ e ‘O gato manchado e a andoriña Siñá’.