[13/04/2007] O Salón Teatro de Santiago de Compostela acolle hoxe 13 de abril, ás 21:00 horas, a estrea da obra A piragua, un texto escrito e dirixido por Cándido Pazó como resultado da súa experiencia como primeiro dramaturgo residente do Centro Dramático Galego (CDG). A obra, coa que a compañía pública culmina o seu plan de produción propia para a actual temporada teatral 2006-2007, parte dunha simple anécdota -que se crea porque un veciño garda unha piragua nunha praza de garaxe- para enfiar un discurso dramático que traslada ao espectador a liña argumental esencial que verdadeiramente sustenta a proposta escénica: a violencia doméstica.
Para esta montaxe, que supón o primeiro traballo de dirección de Pazó para o CDG desde 1995, o polifacético dramaturgo conta cun elenco encabezado pola parella protagonista, que compoñen Xosé Manuel Olveira "Pico" –no papel de Delio- e Susana Dans –no de Rosa-. Xunto a eles, Iolanda Muíños, Marcos Orsi, César Goldi, Ricardo de Barreio e Marián Bañobre completan o equipo interpretativo das sete personaxes deste novo espectáculo que ocupará até o 13 de maio o Salón Teatro, tanto en funcións escolares como para público xeral.
Prestan tamén a súa colaboración artística para a posta en escena Carlos Alonso (escenografía e vestiario), Manuel Riveiro Hermo (composición musical), Afonso Castro (deseño de iluminación) e Dolores Centeno (maquillaxe). Na tarefa de dirección prestaron apoio a Cándido Pazó Belén Pichel como axudante e Avelino González como asistente.
CONECTAR COAS PROBLEMÁTICAS ACTUAIS
Se na súa anterior produción para público adulto, O regreso ao deserto, o CDG enfrontaba temas como a emigración e as raigames sociais; nesta ocasión, o asunto dramático de A piragua xira arredor da lacra da violencia de xénero, da que a compañía de teatro institucional achega a súa visión a través da creación de Pazó. A nova produción insírese deste xeito dentro da liña marcada pola directora do CDG, Cristina Domínguez, de conectar a temática das propostas teatrais públicas coas vivencias e preocupacións que caracterizan á sociedade actual.
Tralas funcións en Compostela, A piragua seguirá unha serie de representacións por distintas localidades galegas até o 30 de xuño, entre as que se atopan Ourense (Teatro Principal, 17 de maio), Vigo (Centro Cultural Caixanova, 19 de maio), Noia (Teatro Coliseo Noela, 1 de xuño), Pontevedra (Pazo da Cultura, 8 de xuño), Cangas (Auditorio Municipal, 16 de xuño), O Barco de Valdeorras (Teatro Lauro Olmo, 22 de xuño) e Narón (Auditorio Municipal, 29 e 30 de xuño).
A PARTIR DUNHA REUNIÓN DE VECIÑOS
O argumento da peza parte dunha reunión da comunidade de propietarios dun edificio. No momento dos rogos e preguntas, un propietario protesta porque hai un veciño que ten unha piragua na súa praza de garaxe. A comunidade divídese nos seus pareceres: nin os estatutos da comunidade nin a Lei de Propiedade Horizontal din nada sobre o uso específico das prazas de garaxe pero, segundo argumentan outros propietarios, as cousas son como son, como teñen que ser, e é obvio e natural que as prazas de garaxe foron creadas para ter nelas vehículos automóbiles.
Acompañando á comunidade no desenvolvemento desta discordia, que se prolonga varios días, vaise descubrindo, xunto co resto das personaxes, que nun dos pisos está a desencadearse un episodio de violencia doméstica. É unha situación que sempre existiu dunha maneira máis ou menos larvada, pero que ultimamente está intensificándose, ou cobrando máis visibilidade, debido á nova actitude da vítima. Trátase dunha muller que, farta de achantar e ante unha progresiva toma de conciencia, decide encararse para establecer unhas novas regras de xogo: as cousas poden e deben ser doutra maneira.
A piragua ofrece en Santiago de Compostela cinco representacións semanais, de mércores a domingo. Os mércores e xoves ás 11.00 horas desenvolveranse as funcións escolares para as que como apoio docente o CDG elaborou un dossier pedagóxico, escrito por Ánxela Gracián. As representacións para o público xeral terán lugar ás 20.30 horas os venres e sábados, e ás 18.00 horas os domingos. As entradas poranse á venda no despacho de billetes desde dúas horas antes do comezo do espectáculo a un prezo de 10 € os venres e sábados (cos desconto do 40% para estudantes, titulares de carné xove e maiores de 65 anos), e de 5 € para os domingos, día do espectador.