Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

O TEATRO PRINCIPAL ACOLLE UNHA FUNCIÓN ESCOLAR O VENRES 5 E OUTRA MATINAL PARA PÚBLICO XERAL O SÁBADO 6

'As laranxas...' chegan á Estrada como penúltimo destino da súa xira

[03/12/2014] O espectáculo ‘As laranxas máis laranxas de todas as laranxas’, producido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a través do Centro Dramático Galego (CDG), encara xa a recta final da súa xira galega, no marco da que esta semana se presenta no Teatro Principal da Estrada para ofrecer dúas funcións matinais: o venres 5, ás 11.30 horas, para escolares, e o sábado 6, ás 12.30 horas, para público familiar.

As laranxas

Tras estes dous pases, a versión da coñecida obra de Carlos Casares porá rumbo a Santiago de Compostela para finalizar cunha estadía no Salón Teatro o percorrido que iniciou hai dous meses en Ourense. Esta montaxe de teatro e música para toda a familia permanecerá na carteleira do espazo compostelán, sede do CDG, do 9 ao 30 de decembro, período durante o que desenvolverá unha intensa campaña de Nadal que inclúe nove funcións xerais (na fin de semana do 13 e 14 de decembro mailos días 22, 23, 26, 27, 28, 29 e 30) e 12 escolares ás que asistirán colexios de toda a comarca.

Tras esta temporada en Compostela, serán un total de 11 os escenarios de toda Galicia que terán acollido ‘As laranxas máis laranxas de todas as laranxas’ co obxectivo de que os espectadores máis novos aprendan a gozar da experiencia de asistir ao teatro e descubran, ao tempo, unha gran figura da nosa literatura como é Carlos Casares.

Nova ollada
Este espectáculo ofrécelle ao público unha nova ollada sobre a obra que o Centro Dramático Galego xa levara a escena hai 10 anos. Agora, a compañía da Xunta de Galicia volve homenaxear o autor ourensán con esta revisión do seu texto e da montaxe previa, para a que conta de novo co luso-brasileiro José Caldas na dirección escénica e con Bernardo Martínez na musical.

A produción de 2014 está interpretada por un novo elenco de seis actores e actrices (Alba Blanco Taín, Alberte Cabarcos, Davide González Lorenzo, Ailén Kendelman, Fran Lareu e Laura Villaverde), que forman parte dunha nova xeración de intérpretes multifacéticos que se está a formar e a abrir paso en Galicia.

Entradas para A Estrada e Santiago
As entradas para a representación deste sábado na Estrada poderán adquirirse a un prezo de 3 euros no despacho de billetes do Teatro Principal, que estará aberto ao público desde as 11.30 horas.

No caso de Santiago de Compostela, e ante a gran demanda rexistrada para os pases matinais concertados cos centros educativos, a Consellería de Cultura e Educación estableceu tamén un prezo especial de 3 euros para as funcións xerais, co fin de que o meirande número de espectadores poida gozar desta produción de teatro e música en directo. As localidades para estas nove representacións no Salón Teatro, que terán lugar as 18.00 horas, poden adquirirse xa a través da web entradas.abanca.com.

Ligazóns