Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

COINCIDINDO COA ACTUACIÓN DA SÚA COMPAÑÍA NO TEATRO COLÓN

Carmen Roche imparte unha 'master class' especial mañá sábado no Centro Coreográfico

[07/11/2014] A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria incorpora unha ‘master class’ da recoñecida mestra Carmen Roche á oferta formativa que está a desenvolver este outono a través do Centro Coreográfico Galego (CCG). Esta sesión especial terá lugar na sede da compañía pública mañá sábado 8, de 10.00 a 12.00 horas, coincidindo coa estadía na Coruña do Ballet Carmen Roche para representar o seu espectáculo ‘Timeless. De Petipa a Nacho Duato’ ás 20.30 horas no Teatro Colón.

Carmen Roche

Dirixida a estudantes e profesionais da danza, esta ‘master class’ completarase cunha charla e un coloquio cos asistentes. O Centro Coreográfico Galego estableceu un límite máximo de 10 prazas.

Esta acción formativa, así como a sesión ‘Abrir unha práctica física con Jean Philippe Dury’ que terá lugar o día 14 no marco do programa TRCDanza do Teatro Rosalía, súmase ao programa de obradoiros que a unidade de produción de danza da Consellería de Cultura e Educación está a organizar durante este outono. Así, o CCG acolle desde o pasado día 3 e ata o 14 de novembro un taller de danza e creación contemporánea que, baixo o título ‘Encontros para a investigación. O corpo como proxección do diálogo interior’, imparten os integrantes da compañía Entremáns Kirenia Martínez e Armando Martén. Ademais e ata o 20 de decembro, Juan Miguel Hernández está a conducir as clases de danza clásica dos sábados e o vindeiro día 15 dará comezo un novo taller de repertorio clásico e neoclásico a cargo de Christelle Horna.

Dentro deste mesmo programa, durante a primeira semana de decembro levarase a cabo o taller ‘Danza clásica e técnica de puntas’ da man de Lázaro Carreño, quen durante tres décadas percorreu todo o mundo como primeiro bailarín do Ballet Nacional de Cuba.

Traxectoria internacional
Fundadora e directora do ballet que leva o seu nome, así como do Conservatorio de Danza Scaena de Madrid, Carmen Roche conta cunha das máis destacadas traxectorias no ámbito da danza a nivel estatal e mesmo internacional.

Tras estudar coa mestra de María de Ávila na súa Zaragoza natal, comeza a súa carreira profesional con tan só 13 anos como solista do Ballet de Antonio. En 1966 incorpórase ao Ballet Gulbenkian de Lisboa, onde interpreta primeiros roles do repertorio clásico, e dous anos máis tarde pasa a formar parte do Ballet du XXe Siècle de Maurice Béjart, no que desenvolveu un destacado labor artístico ata que en 1974 foi nomeada profesora da compañía e directora do seu centro Mudra en Bruxelas.

De volta en España, en 1979 inicia una nova etapa como subdirectora do Ballet Clásico Nacional e directora da Escola Nacional de Danza Clásica. En 1984 crea o Centro Internacional de Danza de Madrid e en 1998, a Fundación mailo Ballet Carmen Roche, que continúa a dirixir na actualidade.

Así mesmo, imparte cursos avanzados, 'master class' e conferencias en institucións de todo o mundo, ademais de ser xurado en concursos internacionais como os de Beijing, Roma ou Berlín, entre outros.

A súa gran traxectoria valeulle numerosos premios e recoñecementos, como a Medalla ao Mérito das Belas Artes do Ministerio de Cultura (1995) a Medalla de Ouro das Belas Artes (2012), así como e a Medalla á Excelencia Artística outorgada polo Goberno de Nicaragua (2009).