Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

NACE A A REVISTA "PARAÍSO" COMO PROMOCIÓN DOS ESPECTÁCTULOS DA RGTA

Cultura conmemora o 125 aniversario do teatro galego cun Plan de Artes Escénicas e distintas actividades de difusión

[26/03/2007] A Consellaría de Cultura e Deporte promove a celebración en 2007 do 125 aniversario do teatro galego mediante a organización de distintas actividades conmemorativas e a redacción do primeiro Plan Galego das Artes Escénicas, co obxectivo xeral de reivindicar tanto os logros acadados até hoxe polo noso teatro como as súas potencialidades de futuro. A efeméride, marcada pola estrea o 13 de agosto de 1882 na Coruña da obra de Francisco María de la Iglesia "A fonte do xuramento", festexarase cunha exposición didáctica itinerante, un congreso das artes escénicas, unha programación especial de espectáculos e unha campaña publicitaria de sensibilización social.

Logo 125

Todas estas iniciativas foron presentadas hoxe, véspera do Día Mundial do Teatro, pola conselleira Ánxela Bugallo, nun acto no que tamén participaron os responsables dos distintos departamentos da Consellaría de Cultura e Deporte que traballan coordenadamente nestes proxectos: Luís Bará, director xeral de Creación e Difusión Cultural; Miguel Martín, xerente do IGAEM; e Cristina Domínguez, directora do Centro Dramático Galego.

As diferentes accións, que se levarán a cabo ao longo de todo o ano, parten da consideración da importante función cultural, social e económica do teatro en tanto que factor de afirmación da identidade colectiva, de coñecemento da nosa historia e da nosa literatura, de extensión do uso do idioma, de manifestación creativa, de desenvolvemento social, de xeración de recursos económicos e do seu imprescindible valor futuro que cómpre construír entre todos.

O PLAN GALEGO DAS ARTES ESCÉNICAS

Deste xeito, a elaboración do primeiro Plan Galego das Artes Escénicas –que foi aprobada polo Consello Reitor do IGAEM en decembro- suporá a apertura dun proceso de reflexión e diálogo, a partir dunha diagnose do sector e cara a definir o marco de actuación das políticas públicas relacionadas coas artes escénicas, de xeito que se contribúa eficazmente a converter esta manifestación artística nunha das canles preferentes de expresión e difusión da nosa cultura dentro e fóra de Galiza.

Con este plan dáse resposta a unha demanda histórica do sector e por primeira vez realizarase unha planificación integral das políticas públicas a respecto das artes escénicas. Nel participarán todos os organismos e institucións que teñan que ver co teatro, ademais de creadores, produtores, distribuidores e receptores, que realizarán as súas achegas –a través de distintas mesas de traballo- na construción dun marco conxunto e integral de actuación que permita atender a todos os obxectivos do sector, así como situar as artes escénicas en xeral e ao teatro en particular no centro da vida social e cultural do país. As conclusións do plan serán presentadas en outono no marco dunhas xornadas específicas.

Os eixos estratéxicos do Plan son: consolidar e fomentar os procesos de innovación na creación e xeración de contidos; promover e potenciar as industrias vencelladas ás artes escénicas; garantir a accesibilidade dos públicos ás actividades artísticas; consolidar o mercado de artes escénicas; e promover a internacionalización económica e cultural das actividades escénicas.

EXPOSICIÓN E CONGRESO

Unha exposición comisariada polo estudoso da historia do teatro Carlos Biscaínho achegará, a través de imaxes e obxectos e dun xeito didáctico e ameno o devir do noso teatro polos grandes períodos históricos da actividade dramática galega. A mostra, que se inaugurará na Coruña no mes de xuño e percorrerá despois distintas localidades galegas, completarase cun espazo versátil de visionado e relación cos diferentes sectores implicados na creación escénica, denominado "Pavillón Lino"en homenaxe a todos aqueles locais de exhibición que xogaron un papel crucial na historia do noso teatro. A Coruña acollerá tamén o 13 de agosto de 2007 o acto de homenaxe á obra a e ao autor que, nese mesmo día século e cuarto atrás, fundaron a dramaturxia galega.

Tamén terá lugar en outono o Congreso das Artes Escénicas de Galiza. Asemade, os espectadores poderán asistir ademais nos vindeiros meses a unha programación escénica especial, coa finalidade primordial de achegar o teatro a públicos novos e a espazos e ámbitos non habituais, desde os que se porá de manifesto o amplo abano de posibilidades das artes escénicas. Esta programación levará aparellada unha importante campaña de sensibilización e promoción do teatro galego, que se realizará a través dos medios de comunicación social e de estratexias de impacto directo.

REVISTA "PARAÍSO"

As anteriores accións veñen a sumarse á dinámica de programacións habituais da Consellaría de Cultura, como son as producións do Centro Dramático Galego, a Rede Galega de Salas ou a Rede Galega de Teatros e Auditorios, entre outras. Este último circuíto disfrutará este ano da nova revista Paraíso, que se distribuirá de balde nos teatros dos 45 concellos galegos que o integran.

A nova publicación, da que o IGAEM vén de editar o seu primeiro número, é un novo elemento promocional dos espectáculos galegos. Ten unha periodicidade semestral e vai directamente dirixida ao público mediante unha presentación visual atractiva de distintas reportaxes e entrevistas, fichas de identificación de todos os espectáculos de teatro, danza e música e o seu calendario de funcións.