AGADIC

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e TurismoAGADIC

Noticias

O CDG INAUGURA A SÚA TEMPORADA 2014-15 NO TEATRO PRINCIPAL, QUE O VENRES 3 ACOLLE A PRIMEIRA FUNCIÓN PARA PÚBLICO FAMILIAR DO ESPECTÁCULO

Vázquez Abad reivindica a Carlos Casares como autor teatral na presentación en Ourense da estrea de 'As laranxas máis laranxas de todas as laranxas'

[30/09/2014] O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, reivindicou a figura de Carlos Casares como autor teatral para público infantil e xuvenil durante a presentación hoxe no Teatro Principal de Ourense da estrea do espectáculo que o Centro Dramático Galego (CDG) realizou a partir da obra ‘As laranxas máis laranxas de todas as laranxas’.

As laranxas

O escenario ourensán acollerá tanto a primeira función xeral desta produción de teatro musical para todos os públicos, o venres 3 de outubro ás 20.30 horas, como o inicio da súa campaña escolar con dous pases matinais mañá mércores día 1 e o xoves día 2, aos que asistirán 700 alumnos e profesores de 13 centros educativos de toda a provincia.

Obra excepcional
En palabras do conselleiro, a montaxe coa que a compañía pública inaugura a súa temporada 2014-15 contribúe "á actualización nas nosas memorias da xenialidade de Casares, galego insigne de talento multifacético", recuperando unha parte da súa obra "se cadra menos coñecida, pero igualmente excepcional, que é a que asinou como autor de teatro para público infantil e xuvenil". Trátase, ademais, da única peza teatral do escritor ourensán, unha das primeiras obras fantásticas da literatura galega para rapaces e rapazas e todo un referente da nosa dramaturxia infantil.

O titular de Cultura e Educación quixo acompañar hoxe ao equipo artístico de ‘As laranxas máis laranxas de todas as laranxas’ -encabezado polo seu director escénico, o luso-brasileiro José Caldas- na presentación desta estrea, á que seguirán outras 38 funcións escolares e xerais en dez localidades galegas ata finais de ano. Asistiron tamén Rosendo Fernández, vicepresidente da Deputación de Ourense; Olga Mojón, directora-xerente do Teatro Principal; Javier Casares, presidente da Fundación Carlos Casares; Jacobo Sutil, director da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais); e Manuel Guede Oliva, director do CDG.

Vázquez Abad dedicou unha mención especial aos seis actores e actrices que conforman o elenco de ‘As laranxas máis laranxas de todas as laranxas’ -Alba Blanco Taín, Alberte Cabarcos, Davide González Lorenzo, Ailén Kendelman, Fran Lareu e Laura Villaverde- como "representantes, e modelo tamén, das novas xeracións de intérpretes totais que se están a formar e a abrir camiño en Galicia".

Os seis foron seleccionados entre os máis de 80 aspirantes que participaron nun proceso de audicións públicas, durante o que tiñan que demostrar as súas calidades como actores, cantantes e músicos. Desde o principio, o elenco implicouse, así mesmo, na elaboración do blog aslaranxasmaislaranxasdetodasaslaranxas.wordpress.com, desde o que o público puido seguir día a día o progreso dos ensaios, ademais de ter acceso a todo o material promocional e didáctico arredor desta proposta do CDG.

Nova ollada
Seguindo as indicación de José Caldas na dirección escénica e de Bernardo Martínez na musical, o elenco ofrécenos unha nova ollada sobre o texto de Casares e sobre o espectáculo que, a partir del, fora levado a escena pola compañía pública hai dez anos na que supuxo, ademais, a súa primeira incursión no ámbito do teatro para público infantil.

Esta recreación, para a que se recupera a escenografía e o vestiario deseñados no seu día pola portuguesa Marta Silva, constrúese a partir de novas achegas musicais e interpretativas que buscan ofrecer novos matices e dotar dunha maior profundidade aos personaxes creados por Carlos Casares. O espectáculo ideado por Caldas -quen conta con máis de 45 anos de traxectoria vinculada á escena brasileira e, fundamentalmente, portuguesa- reúne nun só acto todas as expresión artísticas, con elementos que van dende a traxedia grega ao teatro popular de rúa de Brasil e Portugal, pasando pola Comedia da Arte e ofrecendo tamén unha homenaxe ao mundo do circo.

Ao tempo, mantense fiel a toda a obra infantil de Casares, de xeito que esta versión teatral de ‘As laranxas máis laranxas de todas as laranxas’ integra de xeito harmonioso o conto ‘A galiña azul’, así como outros textos do escritor ourensán que se empregan nas letras das cancións compostas por Bernardo Martínez. Todos estes elementos contribúen a crear o mundo máxico e colorista que habitan Anxa e Elías, xunto á Veciña Sabida, a Veciña Desdentada, o Veciño Gordo e o Veciño da Escopeta, e no que teñen lugar unha serie de disparatados acontecementos que dan comezo cando do limoeiro da horta dos protagonistas abrollan unhas enormes laranxas.

Tres meses de xira
Tras a súa estrea en Ourense, o Centro Dramático Galego emprenderá unha xira de tres meses durante a que este espectáculo poderá verse en Vilagarcía de Arousa (Auditorio Municipal, 5 e 6 de outubro), Narón (Pazo da Cultura, 12 de outubro), Pontevedra (Auditorio do Centro Social Afundación, 17 e 18 de outubro), Vigo (Teatro do Centro Cultural Afundación, 2 e 3 de novembro), Viveiro (Teatro Pastor Díaz, 12 e 13 de novembro), Tui (Teatro Municipal, 18 e 19 de novembro), O Barco de Valdeorras (Teatro Municipal Lauro Olmo, 21 de novembro), Rianxo (Auditorio Municipal, 3 de decembro), A Estrada (Teatro Principal, 5 de decembro) e Santiago de Compostela (Salón Teatro, do 9 ao 30 de decembro).

Destacan neste calendario as funcións concertadas con centros de Primaria e de Secundaria de toda Galicia como parte dunha intensa campaña escolar que, como salientou o conselleiro de Cultura e Educación, sitúase como "unha das accións máis eficientes, e ao tempo máis necesarias, desde o punto de vista da xestión pública cara á provisión de novos espectadores para o noso teatro", ao tempo que contribúe a dar a coñecer a figura de Carlos Casares entre os máis pequenos.

Ligazóns