Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

UN TOTAL DE 13 ALUMNOS SEGUIRÁN AS CLASES DO COREÓGRAFO MADRILEÑO

O CCG imparte na Escola Superior de Arte Dramática de Vigo un obradoiro de composición coreográfica a cargo do mestre Ángel Rodríguez

[21/07/2014] A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ofrece desde hoxe e ata o próximo venres 25 en Vigo un obradoiro de composición coreográfica impartido polo coreógrafo madrileño Ángel Rodríguez. O taller, que se desenvolve nas instalacións da ESAD de Galicia (Escola Superior de Arte Dramática), está organizado polo Centro Coreográfico Galego (CCG) como parte do seu plan formativo para 2014.

Ángel Rodríguez

Dirixido a profesionais da danza e a estudantes de nivel alto-medio, o obradoiro insírese na liña de traballo que Cultura e Educación leva a cabo a través do CCG no ámbito da formación continua e da creación de públicos.

Para a proposta de Ángel Rodríguez son 13 os inscritos: seis estudantes, tres bailarinas e catro profesoras de danza, todos eles galegos. O seu traballo comezará cunha primeira sesión dedicada a desenvolver unha clase de danza clásica e centrarase a continuación na creación coreográfica partindo da investigación e da experimentación.

Este é o terceiro obradoiro que desenvolve este ano o CCG dentro do seu plan formativo, despois dos que xa impartiron na Coruña Eva Pérez Atienza, sobre gyrokinesis e danza clásica; e Virginia Valero, tamén sobre danza clásica. Para o mes de decembro está previsto o último curso desta serie, que correrá a cargo do bailarín cubano Lázaro Carreño e versará especificamente sobre a técnica de puntas.

Mestre ecléctico
Ángel Rodríguez é coreógrafo e mestre de formación e traxectoria ecléctica. Foi adxunto á dirección do Ballet Carmen Roche, ademais de ter creado pezas para destacadas compañías dentro e fóra de España, como a Nacional de Danza, a de Rafael Amargo, o Ballet do Teatro Mijáilovski de San Petersburgo ou o propio Centro Coreográfico Galego, para o que en 2011 asinou ‘Dulce memoria’ como parte do espectáculo ‘3DTres’.

Tamén ten realizado traballos coreográficos para películas e para os musicais ‘On Bradway’ e ‘Jesucristo Superstar’. Na actualidade é profesor no Instituto Superior de Danza Alicia Alonso.