[13/06/2014] A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria reunirá 82 actores e actrices nas audicións que se desenvolverán no Salón Teatro de Santiago a partir do próximo luns 16 para seleccionar o elenco do espectáculo do Centro Dramático Galego ‘As laranxas máis laranxas de todas as laranxas’. Do total de aspirantes que concorreron a esta convocatoria pública, 50 optan aos tres papeis femininos e 32 aos tres masculinos deste texto de Carlos Casares, que regresará aos escenarios a partir do outono.
O director escénico desta montaxe para público infantil e familiar, o lusobrasileiro José Caldas; o seu director musical, Bernardo Martínez; o responsable do CDG, Manuel Guede Oliva; e o dramaturgo e director teatral Roberto Salgueiro, en calidade de asesor independente, integran o tribunal encargado da selección do reparto. Tras examinar cada un dos currículos profesionais dos candidatos, esta comisión terá a oportunidade agora de valorar a súa interpretación en directo como actores, músicos e cantantes.
Neste sentido, as audicións estrutúranse en diferentes fases nas que os aspirantes deberán interpretar un texto libre a modo de pequeno monólogo e realizar unha proba de Comedia dell’Arte, así como executar cadansúa peza de libre elección de danza, canto e interpretación dun instrumento musical.
Horario de convocatoria
As audicións, que se desenvolverán a porta pechada sobre o escenario do Salón Teatro, terán lugar do luns 16 ao xoves 19 en xornadas de mañá e tarde, axustándose ao horario publicado hoxe na web da Axencia Galega das Industrias Culturais (www.agadic.info) e mais na do Centro Dramático Galego (www.centrodramatico.org).
Os actores e actrices finalmente seleccionados darán vida aos personaxes de Elías, Anxa, Veciño Gordo, Veciña Desdentada, Veciña Sabida e Veciño da Escopeta, ideados por Carlos Casares como intérpretes de diálogos, de cancións e de distintos instrumentos populares en ‘As laranxas máis laranxas de todas as laranxas’, unha das súas principais contribucións ao ámbito da literatura infantil e xuvenil e pola que obtivera en 1973 o I Premio de Literatura Dramática para a Infancia e a Mocidade da Asociación Cultural ‘O Facho’.
Os seis elixidos comezarán os ensaios en setembro xunto a José Caldas e a Bernardo Martínez, que repiten así na dirección escénica e musical da montaxe desta obra, que o Centro Dramático Galego xa levara a escena en 2004. Dez anos despois da súa estrea, a compañía da Xunta de Galicia reporá o espectáculo que, daquela volta, supuxo a súa primeira incursión no teatro especialmente dirixido aos espectadores máis novos e co que acadou, así mesmo, un notable éxito de público.