Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

OS XOVES 12 E 19 DE XUÑO, ÁS 21.00 HORAS

O II Campionato Galego de Improvisación Escénica celebra as súas semifinais no Salón Teatro

[10/06/2014] O Salón Teatro de Santiago será o escenario os próximos xoves 12 e 19 de xuño das semifinais do II Campionato Galego de Improvisación, xénero escénico que comeza a contar cun nutrido número de intérpretes e seguidores en Galicia. Nestas dúas sesións, que terán lugar ás 21.00 horas, elixiranse os candidatos que competirán na final do certame o sábado 21 no Teatro Principal.

Improfighter

O actor e cómico Antón Coucheiro será o condutor desta fase final do campionato, que impulsa a Asociación de Novo Circo e Cabaré Pistacinco e que desenvolveu as súas sesións eliminatorias en diferentes locais de Compostela. Durante estes ‘combates’, varias parellas de ‘improfighters’ procedentes das compañías Los Diguis da Coruña, Improperio de Vigo e The Momento de Santiago compiten para conseguir o favor dos espectadores, que deciden así mesmo cales delas pasan á seguinte fase.

Funcións irrepetibles
O público será tamén o encargado de facer as súas propostas aos improvisadores para que estes creen historias en directo e resolvan diferentes escenas a un ritmo vertixinoso e con grandes doses de humor. Esta interacción provoca que cada unha destas funcións sexa imprevisible e irrepetible, dando pé a un chea de situacións hilarantes.

Os billetes para asistir ás semifinais do Campionato Galego de Improvisación no Salón Teatro poden adquirirse por separado ou a través dun bono conxunto, que inclúe ademais o acceso á final do día 21. As entradas están xa á venda no despacho de billetes do Teatro Principal, que permanece aberto ao público de martes á sábado en horario de 18.00 a 21.00 horas. No Salón Teatro, poden mercarse os xoves 12 e 19 desde dúas horas antes do comezo das sesións.

Imaxe: Pablo Morán. Fonte: compostelacapitalcultural.com