[30/05/2014] O Salón Teatro acolle este martes 3 de xuño a traxicomedia ‘A visita da vella dama’ da man de Teatro Muxicas, agrupación artística da delegación da ONCE en Ourense. Coa función que ofrecerá ás 20.30 horas dá comezo a programación de xuño neste espazo compostelán, cunha carteleira integrada por 14 sesións de teatro, música, novo circo e cinema galegos.
Con dramaturxia de Tito Asorey a partir do texto do autor suízo Friedrich Dürrenmatt, ‘A visita da vella dama’ arranca coa chegada da multimillonaria Clara Zachanassian a Güllen, o pobo da súa infancia, convertido agora nun lugar miserable e decadente. Os seus habitantes, que viven sumidos nunha profunda crise e pasan os días lembrando con nostalxia tempos máis felices, agardan con impaciencia a visita da súa paisana máis ilustre, a quen ven como a salvadora que os rescatará da súa terrible situación.
Melania Cruz é a directora do grupo ourensán e deste espectáculo, que interpretan Mari Carmen Fernández, Severino Pérez, Aída Saíz, Marina Araújo, Paco Rodríguez, Ricardo Rodríguez, Chechu Salgado, Andrea Cid e José Luis Iglesias Pequeño. Coa súa nova montaxe, o grupo de teatro da delegación da ONCE en Ourense dá un paso adiante na súa consolidación tanto no que respecta ao seu número de integrantes como á súa propia liña estética, que vén impulsando desde que en 2009 comezara a funcionar como agrupación artística tras máis dunha década de traballo como taller teatral.
Entrada gratuíta
As entradas para a representación de ‘A visita da vella dama’ en Santiago son gratuítas e poderán retirarse no despacho de billetes do Salón Teatro o propio martes a partir das 18.30 horas.
A actividade continuará esta mesma semana con ‘Meu ben’, produción de Eme2 interpretada por Elina Luaces, Mercedes Castro e Rocío González, da que se ofrecerán un total de cinco funcións do mércores 4 ao domingo 8 de xuño. A continuación, o Salón Teatro será o escenario do certame de improvisación que a escola Circo Nove organizará os días 12 e 19, así como de catro pases do filme ‘Encallados’, dirixido por Alfonso Zarauza, que poderá verse en sesión dobre os días13 e 14.
A programación de xuño completarase con dúas representacións benéficas: o concerto da coral e da banda de música da Asociación Cultural Musical Solfa (20 de xuño) e o espectáculo ‘Las pruebas de Hércules’ da Fundación Down Compostela (27 de xuño).