[28/05/2014] A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria conclúe este venres 30 de maio no Barco de Valedorras a xira que o Centro Dramático Galego (CDG) vén desenvolvendo desde hai dous meses con ‘Longa viaxe cara á noite’, versión do texto autobiográfico asinado polo premio Nobel de Literatura Eugene O’Neill. A función que se celebrará ás 21.00 horas no Teatro Municipal Lauro Olmo será a última do total de 26 representacións para público xeral e mais para escolares que se terán ofrecido en 12 escenarios galegos e portugueses desde a súa estrea en Santiago de Compostela a finais do pasado mes de marzo.
Remata así o percorrido desta primeira produción da compañía pública en 2014, ano no que se conmemora o trixésimo aniversario da súa fundación. Baixo a dirección de Manuel Guede Oliva, a posta en escena de ‘Longa viaxe cara á noite’ supuxo, ademais, o primeiro achegamento do CDG á literatura dramática estadounidense a través dunha das obras cumio do que, segundo numerosos estudos, é pai fundador do teatro norteamericano moderno.
Nesta versión galega de ‘Long Day's Journey into Night’, os actores Gonzalo Uriarte, Luisa Merelas, Marcos Viéitez e Alberto Rolán interpretan os Tyrone, unha familia quebrada polas frustracións persoais e os vicios, na que se atopan moitos trazos autobiográficos dos propios O’Neill.
Sinopse
A través desta transposición dramática da súa propia familia, o autor estadounidense volve a vista cara á súa intensa e dolorosa xuventude, espertando os monstros que o atormentan. Trátase da crónica dun día na casa familiar de verán, onde os catro protagonistas van desfacéndose das súas máscaras para deixarnos entrever os fracasos, as adiccións e o desarraigo que determinan o seu destino: James, un actor de éxito que pasou a súa vida de escenario en escenario sen poder formar un verdadeiro fogar; Mary, a súa muller, presa dunha adicción que non é quen de deixar atrás; Jamie, o fillo maior, alcohólico, cínico e descrido; e Edmund, o alter ego do escritor, un mozo soñador e romántico, pero enfermo de tuberculose.
Seguindo moitas das indicacións que o propio dramaturgo engadiu ao seu texto, a escenografía de Rodrigo Roel, a iluminación de Juanjo Amado e o espazo sonoro de Guillermo Vázquez subliñan esta degradación familiar. Así, a medida que o día avanza, a néboa e o incesante son dunha serea envolven a residencia dos Tyrone, que comeza entón a se tornar nun espazo tan asfixiante e agretado como as vidas dos que a habitan. Imma António Souto como axudante de dirección, María Negreira a cargo do vestiario e Fran Veiga na produción completan o equipo artístico desta montaxe.
Aclamada pola crítica e considerada a obra máis completa de O’Neill, ‘Long Day's Journey into Night’ foi recoñecida co Premio Pulitzer a título póstumo -o cuarto concedido a unha das súas obras- tras ser publicada poucos anos despois da morte do autor, a pesar de que este deixara instrucións de que as súas pezas inéditas non deberían ver a luz ata 25 anos despois do seu pasamento.
Venda de entradas
As entradas para esta última representación de ‘Longa viaxe cara á noite’ estarán á venda no despacho de billetes do Teatro Lauro Olmo o mesmo venres 30 desde as 20.00 horas.