Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

O CDG DRAMATIZA AS OBRAS FINALISTAS DO I PREMIO DE TEATRO RADIOFÓNICO QUE CONVOCA A RADIO GALEGA

Luís Tosar e Manuel Manquiña participan xunto a outros 9 actores na lectura dos textos baixo a dirección de Lino Braxe

[19/03/2007] O Centro Dramático Galego (CDG) realizou as tarefas de produción da lectura dramatizada dos tres textos finalistas do I Premio de Teatro Radiofónico que organiza a Radio Galega co patrocinio da Consellería de Cultura e Deporte. Baixo a dirección de Lino Braxe, un grupo de 11 actores e actrices do que forman parte intérpretes tan populares como Luís Tosar ou Manuel Manquiña xunto a outros nomes importantes da escena en Galicia como son Rebeca Montero, Gonzalo Uriarte, Luís Zaera, Miguel Pernas, Xavier Estévez, Flor Maceiras, Xosé Vilarelle, Juan Rodríguez e o neno Darío, puxo voz aos distintos personaxes das obras finalistas da primeira edición deste galardón.

A lectura das obras, tituladas 1.073 , O elexido e O Bambán , serán emitidas até o domingo 25 de marzo en distintos programas da Radio Galega, tanto no Diario Cultural, espazo que promoveu o premio e que ofrecerá aos seus oíntes o resultado do proceso de dramatización os días 20, 21, 22 e 23 de marzo; como noutros magazines que cubren outras franxas horarias da emisora pública, como é o caso de Un día por diante (días 19, 21, 23), As Quimbambas (días 13, 14, 16), Extrarradio (días 24 e 25) e Máis Berberechos (días 24 e 25).

O Centro Dramático Galego colabora deste xeito coa Radio Galega no obxectivo de recuperar e difundir o xénero teatral especialmente realizado para ser trasmitido pola medio radiofónico, mediante a adecuación e utilización dos diferentes recursos sonoros que contribúen á dramatización, ademais de levar a cabo o labor de asesoramento e dirección na interpretación.

O texto e o autor ou autora que resulten gañadores da terna de finalistas, proceso ao que poden contribuir os oíntes coas súas votacións, daranse a coñecer na última semana do mes de marzo, en coincidencia coa conmemoración do Día Mundial do Teatro.