[27/05/2014] O Salón Teatro da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria será o escenario este venres día 30, ás 20.30 horas, do concerto no que Fetén Fetén presentará en directo os temas de ‘Bailables’, o seu novo traballo discográfico. O dúo burgalés de música folk chega a Compostela como parte do cartel do ciclo Sons’14 que organiza o Concello de Santiago.
O grupo do violinista Diego Galaz e do acordeonista Jorge Arribas, ex integrantes ambos da mítica banda La Musgaña e colaboradores habituais de destacados artistas do panorama estatal, ofrece un directo inspirado nos salóns de baile, nas sesións vermú e nas festas populares. Trátase, en definitiva, de música para bailar destinada a todos os públicos e baseada nos ritmos de sempre: valses, boleros, pasodobres, xotas, tangos, rumbas, fox trot, chotis, chachachás...
Como músicos polifacéticos, Galaz e Arribas incorporan ao seu espectáculo ao vivo unha chea de instrumentos insólitos, como o violín-trompeta, o vibrandoneón, o serrucho ou o metalófono, que interpretan xunto co violín, o acordeón, a mandolina e a frauta. Nos directos acompáñaos, ademais, o percusionista Diego Martín.
‘Bailables’ é o segundo álbum de Fetén Fetén, tras a edición en 2011 do seu disco de debut homónimo. Dábase a coñecer daquela o proxecto musical que estes novos músicos comparten desde 2009 co obxectivo de poñer banda sonora ás súas influencias e recordos. Así, as súas composicións orixinais ofrecen unha ruta pola memoria das raíces e tradicións, sen esquecer outras das súas preferencias musicais. Botan así man de sons mediterráneos, ritmos do Leste de Europa e influencias da música castelá como ingredientes claves da súa traxectoria.
Venda de entradas
As entradas para o concerto deste venres no Salón Teatro poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal, aberto de 18.00 a 21.00 horas. No Salón Teatro estarán dispoñibles o día da actuación deste as 18.30 horas.