[26/05/2014] A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria colabora no concerto ‘Cantos de lembranza’, que se celebrará o mércores 28 de maio no Salón Teatro de Santiago e no que se presentarán os temas que inclúe o libro CD do mesmo título, co que se lle rende homenaxe ao escritor e académico da lingua galega Xosé Neira Vilas.
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, e o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo Suárez participaron o pasado venres na rolda de prensa de presentación deste libro-disco. García Gómez expresou a súa satisfacción porque a poesía de Neira Vilas se musique e poida ser cantada e repetida, na lingua propia de Galicia, por nenos e adultos. Sinalou, así mesmo, a conveniencia da homenaxe que se lle fai ao escritor con ‘Cantos da lembranza’ porque "toda unha xeración se iniciou á lectura na nosa lingua cun libro deste autor nas mans, así que os galegos nunca lle estaremos agradecidos abondo a este creador e activista infatigable".
Pola súa banda, o secretario xeral de Cultura destacou durante a presentación o interese desta iniciativa para difundir a través da música, e na voz de Manoele de Felisa, os versos de Neira Vilas, así como tamén para recoñecer a valiosa contribución do escritor e académico á literatura galega". Á presentación do concerto asistiron tamén o escritor homenaxeado e o cantautor Manoele de Felisa, quen musicou os poemas de Neira Vilas para o disco.
Entrada libre
O concerto-homenaxe a Neira Vilas ‘Cantos de lembranza’ celebrarase o mércores 28 de maio, ás 21:00 horas, no Salón Teatro de Santiago de Compostela. Artistas como Luís Emilio Batallán, Uxía Senlle ou Uxía Blanco cantarán, tocarán ou recitarán, a canda o cantautor Manoele de Felisa, os 14 poemas de Xosé Neira Vilas que se recollen no libro disco que leva o mesmo título. O acto estará conducido pola presentadora Noelia Toledano acompañada pola intérprete de lingua de signos Tareixa Cereixa. A entrada será libre e de balde ata completar a capacidade do local.
Un disco para a lembranza
O disco ‘Cantos da Lembranza’ é unha homenaxe á infancia de Xosé Neira Vilas. Un conxunto de poemas nos que o autor das "Memorias dun neno labrego" recorda a súa familia, os veciños e os espazos e situacións da súa infancia: a escola, o camposanto, o río... o seu Gres natal, en definitiva.
Manoele de Felisa converteu estes poemas en cancións e o resultado é un CD de catorce pezas musicais preparadas coa colaboración do propio Neira Vilas e interpretadas polo compositor e por figuras destacadas da música galega, como Luís Emilio Batallán ou Uxía.
O proxecto conta coa colaboración da Consellería de Cultura e Educación a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, da Consellería de Traballo e Benestar a través da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado e mais do Concello de Vila de Cruces, do Concello de Boqueixón e da Fundación Xosé Neira Vilas.