Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

‘AUTOS DA REVOLUÇÃO’ REPRESÉNTASE MAÑÁ SÁBADO ÁS 18.30 HORAS E 'LONGA VIAXE CARA Á NOITE', O MARTES 27 EN SESIÓN MATINAL

O Centro Dramático de Évora e o Centro Dramático Galego presentan as súas últimas producións no Teatro Municipal de Tui

[23/05/2014] A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria presenta nos vindeiros días en Tui dúas propostas teatrais da man do Centro Dramático de Évora (Cendrev) e do Centro Dramático Galego (CDG), que representarán os seus últimos espectáculos no Teatro Municipal Área Panorámica mañá sábado 24 e o martes 27, respectivamente.

Autos da Revolução

‘Autos da Revolução’ e o título da proposta que o Cendrev realizou a partir de fragmentos de novelas de António Lobo Antunes e que porá en escena mañá, ás 18.30 horas, en Tui como peche da primeira edición do circuíto Troco x Troco de intercambio teatral entre Portugal e Galicia. Este programa escénico, que Cultura e Educación promove en colaboración coa asociación portuguesa Cena Lusófona, vénse desenvolvendo desde o pasado mes de outubro en catro escenarios galegos e catro portugueses. Nel participaron outras tantas compañías de ambos os países para ofrecer un total de 32 actuacións teatrais.

Pola súa banda, o CDG chega ao Teatro Municipal Área Panorámica o vindeiro martes para ofrecer un pase matinal (11.00 horas) para escolares e público xeral do seu espectáculo ‘Longa viaxe cara á noite’, na que será a penúltima parada na xira galego-portuguesa que a compañía pública está a levar a cabo con esta versión da obra do nobel de Literatura Eugene O’Neill.

Ambas as propostas foron presentadas hoxe por Vanesa Rodríguez, concelleira de Cultura de Tui; Manuel Guede Oliva, director do Centro Dramático Galego e de ‘Longa viaxe cara á noite’, e Rosário Gonzaga, actriz de ‘Autos da Revolução’ e colaboradora de Pierre-Etienne Heymann na súa dirección.

Reflexións sobre o 25 de abril
Este último espectáculo, realizado polo Cendrev en coprodución coa Companhia de Teatro do Algarve (ACTA), constrúese a partir de textos procedentes de cinco coñecidas obras do afamado escritor portugués António Lobo Antunes, coa Revolución dos Caraveis como pano de fondo. Xunto con Rosário Gonzaga, Mário Spencer Maria Marrafa, Bruno Martins, Tânia da Silva e Jorge Baião interpretan sete personaxes de procedencias ben diferentes que rememoran ese episodio histórico.

Un operario de mudanzas, unha burguesa piadosa, a muller dun contrarrevolucionario, un militante e antigo preso político, unha labrega explotada nunha quinta, a gobernanta do dono da quinta e un banqueiro expoñen aquí as súas lembranzas dese 25 de abril. Da confrontación dos seus relatos nacen, ademais, preguntas e reflexións inevitables sobre o camiño percorrido por Portugal desde a recuperación da democracia e sobre a situación económica que está a atravesar o país na actualidade.

As entradas están á venda ata as 13.00 horas de mañá a través da billeteira electrónica da web www.concellotui.org e no despacho de billetes do teatro desde unha hora e media antes do comezo da función.

Drama autobiográfico
En canto ao espectáculo do Centro Dramático Galego, Manuel Guede Oliva dirixe este drama autobiográfico no que os actores Gonzalo Uriarte, Luisa Merelas, Marcos Viéitez e Alberto Rolán dan vida aos Tyrone, unha familia quebrada polas frustracións persoais e os vicios, na que se atopan moitos trazos autobiográficos dos propios O’Neill.

Esta primeira produción do ano en que o CDG está a conmemorar o seu trixésimo aniversario supón, ademais, a incorporación da literatura dramática estadounidense ao variado e extenso repertorio da compañía institucional galega, con máis de 75 montaxes realizadas desde a súa fundación en 1984. Guede Oliva elixiu para a ocasión a que está considerada como a obra cumio na prolífica produción literaria de Eugene O'Neill, quen segundo numerosos estudos é o pai fundador do teatro norteamericano moderno do que son debedores Tennessee Williams, Arthur Miller ou David Mamet, entre outros.

‘Longa viaxe cara á noite’ é a crónica dun día na vida dos Tyrone, transposición dramática dos propios O’Neill a través da que o autor estadounidense volve a vista cara á súa intensa e dolorosa xuventude, espertando os monstros que o atormentan. Cun pasado abafante, un presente en destrución e un futuro imposible, os catro membros da familia protagonista deixan caer as máscaras para deixarnos entrever as frustracións, as adiccións e o desarraigo que determinan o seu destino: James, un actor de éxito que pasou a súa vida de escenario en escenario sen poder formar un verdadeiro fogar; Mary, a súa muller, presa dunha adicción que non é quen de deixar atrás; Jamie, o fillo maior, alcohólico, cínico e descrido; e Edmund, o alter ego do escritor, un mozo soñador e romántico, pero enfermo de tuberculose.

Tras a función do martes 27 en Tui e despois de ter sido representada noutros dez escenarios de Galicia e Portugal, ‘Longa viaxe cara á noite’ finalizará o seu percorrido o vindeiro venres 30 de maio no Teatro Lauro Olmo do Barco de Valdeorras.

Ligazóns