[21/05/2014] O Salón Teatro da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acolle esta fin de semana a celebración en forma de musical do vixésimo aniversario do Coro da Ra. A agrupación vocal compostelá preparou para a ocasión ‘Vinte. O musical’, espectáculo en clave cómica do que ofrecerá dúas funcións en exclusiva en Santiago o venres 23, ás 20.30 horas, e o sábado 24, ás 19.00 horas.
Con guión de Simone Negrín, esta montaxe está pensada como un divertimento en forma de musical para homenaxear as numerosas persoas que formaron parte do coro durante as súas dúas décadas de historia, así como a todos os seguidores que apoiaron a súa actividade nestes anos.
O espectáculo articúlase arredor de anécdotas e historias vividas no seo da agrupación, botando man do humor para desvelar aos espectadores como é o seu funcionamento interno. En palabras da propia compañía, a súa filosofía pódese resumir coa frase dun dos protagonistas da proposta: "Neste coro pasan cousas moi raras", en referencia a unha intensa traxectoria na que os seus integrantes teñen cantado en prazas, rúas, teatros e platós de televisión, disfrazándose dos máis disparatados personaxes para os seus ‘concertos comando’ e mesturándose entre a xente para lles achegar a súa paixón pola música.
Dirixido por Ramón Bermejo desde a súa fundación, o Coro da Ra é a agrupación vocal a capela residente na escola de música Estudio de Santiago de Compostela e integrada por unhas 60 voces mixtas. Nas súas actuacións, empregan o teatro e a ‘performance’ para ofrecer un repertorio musical ilimitado, que vai do soul ao blues, pasando polo jazz, o samba ou a música étnica.
Venda de entradas
Os billetes para as dúas funcións de ‘Vinte. O musical’ no Salón Teatro poden mercarse de xeito anticipado na web entradas.novagaliciabanco.es e no despacho de billetes do Teatro Principal, aberto de 18.00 a 21.00 horas. No Salón Teatro estarán dispoñibles o venres e o sábado desde dúas horas antes do comezo do espectáculo.