Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

O PRAZO DE PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES PERMANECE ABERTO ATA O 20 DE XUÑO

O CCG convoca o seu programa de residencias artísticas para 2014

[20/05/2014] A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convoca un programa de residencias no Centro Coreográfico Galego (CCG) coa finalidade de lles achegar aos artistas individuais ou colectivos un espazo para o desenvolvemento dos seus proxectos de investigación, experimentación, creación e produción.

Centro Coreográfico Galego

Ademais de contar coas instalacións facilitadas pola compañía pública de danza, os proxectos seleccionados disporán de apoio loxístico e de asesoramento tanto a nivel artístico como en relación cos procesos de produción e distribución.

A convocatoria, para o que o prazo de solicitude permanecerá aberto desde mañá e ata o vindeiro 20 de xuño, tamén establece entre os seus obxectivos a promoción do intercambio de ideas e deixa aberta a posibilidade á integración das propostas na programación da unidade de danza da Consellería de Cultura e Educación. Neste mesmo sentido, este apoio contempla a presentación e/ou exhibición no Centro Coreográfico Galego do resultado final das residencias.

Creación contemporánea
Poderán presentarse a este programa creadores individuais de calquera nacionalidade, con formación ou traxectoria profesional no ámbito das artes escénicas, e compañías ou colectivos con personalidade xurídica. Neste último caso, o seu obxecto social debe ter relación coa creación contemporánea no campo das disciplinas artísticas.

Para a elección dos proxectos, terase en conta o seu carácter innovador, a súa incidencia na creación de redes de colaboración interdisciplinaria e a súa capacidade de achegamento á cidadanía mediante estratexias de participación e creación de públicos. Tamén se valorarán a traxectoria e as actividades previas desenvolvidas polos solicitantes, así como a calidade, coherencia e viabilidade das iniciativas presentadas de acordo co seu calendario de execución e o equipo humano implicado.

Entre os criterios de selección inclúense, asemade, a contribución das propostas ao desenvolvemento das funcións do Centro Coreográfico Galego e a súa adecuación aos intereses e obxectivos da compañía pública.

Para esta valoración, xunto co resto de documentación que especifica a convocatoria, os solicitantes deberán presentar unha memoria completa do proxecto ou actividade na que se detalle o seu obxectivo, o plan de actuación, a metodoloxía, as liñas de investigación e as súas fases e prazo de desenvolvemento, así como a xustificación persoal do seu interese e conveniencia.

Ligazóns