Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

O ESPECTÁCULO ABRIRÁ EN OUTUBRO A NOVA TEMPORADA ESCÉNICA DO SALÓN TEATRO

Voadora ultima os ensaios de 'A tempestade' cunha residencia artística no Centro Dramático Galego

[15/05/2014] A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria está a colaborar con Voadora na produción ‘A tempestade’, adaptación da obra de Shakespeare coa que a compañía galega está a desenvolver unha residencia artística nas instalacións do Centro Dramático Galego (CDG). A produción, que botou a andar o pasado mes de febreiro cunha primeira estadía de dúas semanas no CDG, entra agora na recta final dos seus ensaios antes da estrea o vindeiro 5 de xuño como espectáculo inaugural dos Festivais Gil Vicente de Guimarães (Portugal).

Promo A Tempestade

O apoio de Cultura e Educación enmárcase na liña de asistencia económica e loxística prestada ás compañías privadas galegas a través da estrutura do Centro Dramático. A nova proposta de Voadora conta tamén coa colaboración doutras entidades de Galicia e Portugal como a Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia, o Centro Cultural VilaFlor de Guimarães e as compañías portuguesas Ao Cabo Teatro e Teatro Bruto.

Micromecenado
Ao tempo, o espectáculo mantén aberto ata este domingo 18 de maio unha campaña de micromecenado a través da plataforma ‘online’ Verkami para completar o orzamento deste proxecto. Cando quedan catro días para que remate o prazo, Voadora acadou xa o compromiso de máis de 115 particulares e está a piques de conseguir o obxectivo fixado en 8.000 euros.

En ‘A tempestade’, destacados nomes da escena contemporánea española e portuguesa únense ao equipo habitual de Voadora baixo a dirección artística de Marta Pazos, gañadora de dous premios María Casares á Mellor Dirección e finalista do Certame Nacional de Directoras de Escena en 2013. Así, un total de nove actores, bailaríns e músicos interpretarán o texto de Shakespeare, adaptado para a ocasión polo dramaturgo ourensán Fernando Epelde, Premio SGAE de Teatro en 2012, Tirso de Molina en 2011 e Marques de Brandomín en 2009.

O propio Epelde forma parte do elenco xunto a Diego Anido, José Díaz, Borja Fernández, Iván Marcos, Olalla Tesouro, Hugo Torres, Guillermo Weickert e Sergio Zearreta. Tamén integran o equipo desta produción galego-portuguesa Manuel Cortés como autor da tradución, Uxía P. Vaello e Joana Magalhães como axudantes de dirección; Ana Luena, no deseño do espazo escénico; ou José Alvaro Correia, na iluminación, entre outros. A música orixinal é de José Díaz, Hugo Torres e Fernando Epelde, do movemento escénico encárgase Guillermo Weickert e do deseño de vestiario, Uxía P. Vaello.

Xira de verán e estadía no Salón Teatro
Tras a súa estrea no prestixioso encontro portugués de teatro contemporáneo Festivais Gil Vicente e no marco, ademais, deste Ano Shakespeare durante o que se está a conmemorar o 450 aniversario do nacemento do autor inglés, ‘A tempestade’ levará a cabo unha xira de verán por diferentes festivais da Península. Xa en outono, o espectáculo abrirá a temporada teatral no Salón Teatro de Santiago de Compostela, sede do Centro Dramático Galego, onde permanecerá do 2 ao 17 de outubro.

Con este espectáculo Voadora afronta un dos seus proxectos máis ambiciosos nos seus sete anos de traxectoria, apostando agora polo teatro de texto despois de que, ata o momento, tivera desenvolvido maioritariamente obras de creación propia e de carácter colectivo. Os seus métodos innovadores nos ámbitos da creación e da produción valéronlle en 2013 o Premio da Crítica de Galicia na modalidade de Artes Escénicas.

Ligazóns