[14/05/2014] A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria participou hoxe en Ourense na presentación das funcións do espectáculo ‘Longa viaxe cara á noite’, de Eugene O’Neill, que o Centro Dramático Galego representará no Teatro Principal este sábado 17, Día das Letras Galegas, ás 20.30 horas, e o domingo 18, ás 19.00 horas. Estes dous pases para público xeral na fin de semana, complementaranse cunha función escolar na mañá do luns 19 para estudantes de bacharelato.
O director do CDG, Manuel Guede Oliva, o actor Alberto Rolán e a directora do Teatro Principal, Olga Mojón, compartiron a presentación aos medios de comunicación das representacións en Ourense desta montaxe, a través da que a unidade de produción teatral da Xunta de Galicia se achega por primeira vez á literatura estadounidense. Faino, ademais, coa obra máis relevante do premio Nobel de Literatura Eugene O’Neill, gañador tamén de catro Pulitzer e considerado o pai fundador do teatro norteamericano moderno.
En ‘Longa viaxe cara á noite’, Manuel Guede Oliva dirixe os actores Gonzalo Uriarte, Luisa Merelas, Marcos Viéitez e Alberto Rolán na súa interpretación dos Tyrone, unha familia quebrada polas frustracións persoais e os vicios, na que se atopan moitos trazos autobiográficos dos propios O’Neill.
Xira
Estreada o pasado 22 de marzo no Salón Teatro de Santiago, ‘Longa viaxe cara á noite’ está a desenvolver unha ampla xira por diferentes espazos de Galicia e Portugal na que se combinan funcións para público xeral e pases específicos matinais dirixidos a alumnos de bacharelato.
Así, tras as súas funcións en Ourense e despois de ser representada tamén en Compostela, Braga, Pontevedra, Barcelos, Narón, A Estrada, A Coruña e Rianxo, o espectáculo visitará Vigo (Centro Cultural Fundación Novacaixagalicia, 22 e 23 de maio ás 20.30 h) e Tui (Teatro Municipal, 27 de maio ás 11.00 h). A distribución rematará no Teatro Municipal Lauro Olmo do Barco de Valdeorras o 30 de maio.
Sinopse
‘Longa viaxe cara á noite’ é a crónica dun día na vida dos Tyrone, transposición dramática dos propios O’Neill a través da que o autor estadounidense volve a vista cara á súa intensa e dolorosa xuventude, espertando os monstros que o atormentan. Cun pasado abafante, un presente en destrución e un futuro imposible, os catro membros da familia protagonista deixan caer as máscaras para deixarnos entrever as frustracións, as adiccións e o desarraigo que determinan o seu destino: James, un actor de éxito que pasou a súa vida de escenario en escenario sen poder formar un verdadeiro fogar; Mary, a súa muller, presa dunha adicción que non é quen de deixar atrás; Jamie, o fillo maior, alcohólico, cínico e descrido; e Edmund, o alter ego do escritor, un mozo soñador e romántico, pero enfermo de tuberculose.
Seguindo moitas das indicacións que o propio dramaturgo engadiu ao seu texto, a escenografía de Rodrigo Roel, a iluminación de Juanjo Amado e o espazo sonoro de Guillermo Vázquez subliñan a degradación familiar. Así, a medida que o día avanza, a néboa e o incesante son dunha serea envolven a residencia de verán dos Tyrone, que comeza entón a se tornar nun espazo tan asfixiante e agretado como as vidas dos que a habitan. Imma António Souto como axudante de dirección, María Negreira a cargo do vestiario e Fran Veiga na produción completan o equipo artístico desta produción.
Aclamada pola crítica e considerada a obra máis completa de O’Neill, ‘Long Day's Journey into Night’ foi recoñecida co Premio Pulitzer a título póstumo -o cuarto concedido a unha das súas obras- tras ser publicada poucos anos despois da morte do autor, a pesar de que este deixara instrucións de que as súas pezas inéditas non deberían ver a luz ata 25 anos despois do seu pasamento.
Venda de entradas
As entradas para as representacións desta fin de semana en Ourense están xa á venda a través da billeteira da web entradas.novagaliciabanco.com e do teléfono 902 434 443. No despacho de billetes do Teatro Principal poderán adquirirse de venres a domingo, en horario de 12.00 a 14.00 horas, e desde dúas horas antes do comezo das funcións.