AGADIC

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e TurismoAGADIC

Noticias

ENCARNARÁN OS TRES PERSONAXES MASCULINOS E OS TRES FEMININOS IDEADOS POR CARLOS CASARES

O CDG desenvolverá audicións para seleccionar os seis intérpretes da súa próxima produción 'As laranxas máis laranxas de todas as laranxas'

[14/05/2014] A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria puxo marcha o procedemento de audicións públicas para levar a cabo a selección dos seis intérpretes que conformarán o reparto de ‘As laranxas máis laranxas de todas as laranxas’, a montaxe teatral do texto de Carlos Casares que producirá este outono o Centro Dramático Galego.

Detalle da portada

En concreto, a convocatoria publicada hoxe a través da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) diríxese á escolla de tres actores-músico-cantantes e tres actrices-músico-cantantes, que serán incorporados á produción baixo a modalidade de contrato especial para artistas coa categoría de principais e durante catro meses: a partir do 1 de setembro e ata o 31 de decembro de 2014, período no que a compañía pública desenvolverá os ensaios, a estrea e a distribución do espectáculo.

Os personaxes que compoñen o elenco son Elías, Anxa, Veciño Gordo, Veciña Desdentada, Veciña Sabida e Veciño da Escopeta, ideados por Carlos Casares como intérpretes de diálogos, de cancións e de distintos instrumentos populares en ‘As laranxas máis laranxas de todas as laranxas’, unha das súas principais contribucións ao ámbito da literatura infantil e xuvenil e pola que obtivera en 1973 o I Premio de Literatura Dramática para a Infancia e a Mocidade da Asociación Cultural ‘O Facho’.

O CDG reporá deste xeito, dez anos despois, o espectáculo que xa estreara en 2004 e farao co mesmo director escénico que o asumira daquela, o lusobrasileiro José Caldas, e con Bernardo Martínez como director musical.

Selección en dúas fases
Os aspirantes deberán cumprir os requisitos que se esixen nas bases e dirixir á Agadic as súas solicitudes e demais documentación (entre ela, curriculum vitae, fotografía de corpo enteiro e, con carácter opcional, CD ou DVD con material videográfico dos traballos realizados) a partir de mañá e ata o 27 de maio.

A selección constará de dúas fases. Na primeira valorarase a traxectoria profesional acreditada dos solicitantes, tendo en conta como méritos o coñecemento do idioma galego, as competencias e habilidades musicais (incluíndo canto e dominio de instrumentos), coñecementos de ‘Commedia dell’Arte’ e competencias de baile.

Os que superen ese primeiro trámite accederán ás probas individuais de interpretación, que se celebrarán na nave de servizos da Agadic no compostelán Polígono da Costa Vella. Estas consistirán na execución dunha proba de canto, outra de interpretación de instrumento musical e outra de danza (as tres de libre elección polo candidato/a), así como unha proba de Commedia dell’Arte e outra de interpretación dun texto libre a xeito de pequeno monólogo.

Poderanse declarar prazas desertas e cos aspirantes non seleccionados formarase unha listaxe para a cobertura de eventuais substitucións por renuncias ou baixas dos titulares.

As bases completas da convocatoria e o modelo de instancia para a admisión ás probas pode descargarse no enlace web http://www.agadic.info/Avisos/detalles/159

Ligazóns