Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

ALUMNOS DO CENTRO INTERVIRÁN COMO SOLISTAS EN ÓBOE, CLARINETE, FAGOT E TROMPA

A Orquestra da EAEM interpreta obras de R. Strauss, G. Fauré e Mozart baixo a dirección de David Tomàs

[15/03/2007] A Orquestra da Escola de Altos Estudos Musicais ofrecerá un concerto baixo a dirección de David Tomàs, que terá lugar o sábado 17 de marzo no auditorio deste centro docente, en Santiago de Compostela. No recital, de entrada libre, interpretaranse obras de R. Strauss, Fauré e Mozart, e contará coa intervención de varios alumnos como solistas. A actuación insírese no programa lectivo da Sección de formación permanente da Escola de Altos Estudos Musicais, pertencente ao Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais (IGAEM) da Consellería de Cultura e Deporte.

O concerto dará comezo coa Suite en Si b M, op.4 , de Richard Strauss; ao que seguerá a Suite de Pelléas et Mélisande, op. 80 de G. Fauré. Na segunda parte interpretarase a Sinfonía Concertante para instrumentos de vento K.297 b de W.A. Mozart. Como solistas intervirán os alumnos Avelino Ferreira (O Rosal, 1985) ao óboe, Óscar González (Salceda de Caselas, 1984) ao clarinete, David Novelle (Ourense) ao fagot; e Estefanía Beceiro (As Pontes de García Rodríguez, 1986), á trompa.

Será a primeira ocasión en que David Tomàs Realp (Barcelona, 1970) dirixirá á formación orquestral da Escola de Altos Estudos Musicais de Galicia. Tomàs -director de orquestra, instrumentista e pedagogo- foi fagot solista da Nova Orquestra Gustav-Mahler, fagot principal na Orquesta Sinfónica de RTVE e na Orquesta Sinfónica de Castilla y León e fagot solista na Deutsche Kannerphilarmonie Bremen. Debutou como director en 2000 e ten dirixido conxuntos de vento e percusión de orquestras sinfónicas como a Pablo Sarasate de Pamplona, a Sinfónica de Castela e León, a do Conservatorio de Salamanca, a Joven Orquestra de Canarias, a Joven Orquestra Nacional de Catalunya ou a Banda Municipal de Vitoria, entre outras.