Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

NO SALÓN TEATRO ESCENIFÍCASE ESTE XOVES 15, ÁS 20.30 HORAS

O circuíto Troco x Troco pecha a súa primeira edición coa representación de 'Autos da Revolução' en Santiago, Narón, Ourense e Tui

[13/05/2014] A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria presenta este xoves 15 de maio, ás 20.30 horas, no Salón Teatro de Santiago a compañía portuguesa Centro Dramático de Évora (Cendrev) co seu espectáculo ‘Autos da Revolução’, realizado a partir de fragmentos de cinco novelas de António Lobo Antunes. Coa xira galega desta montaxe, que poderá verse a continuación en Narón, Ourense e Tui, chega ao seu fin a primeira edición do circuíto Troco x Troco para o intercambio teatral entre Portugal e Galicia.

Autos da Revoluçao

Este programa escénico, que Cultura e Educación promove a través da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) e en colaboración coa asociación portuguesa Cena Lusófona, estase a desenvolver desde o pasado mes de outubro en catro escenarios galegos e catro portugueses. Nel participan outras tantas compañías de ambos os países para ofrecer un total de 32 actuacións teatrais.

O Centro Dramático de Évora protagonizará as últimas citas desta carteleira que, ademais da función deste xoves no Salón Teatro, ofrece representacións no Pazo da Cultura de Narón o sábado 17 (20.30 h), no Teatro Principal de Ourense o xoves 22 (20.30 h) e no Teatro Municipal Área Panorámica de Tui o sábado 24 de maio (18.30 h).

Memoria e reflexión arredor do 25 de abril
Realizado polo Cendrev en coprodución coa Companhia de Teatro do Algarve (ACTA), ‘Autos da Revolução’ constrúese a partir de textos procedentes de cinco coñecidas obras do afamado escritor portugués António Lobo Antunes, coa Revolución dos Caraveis como pano de fondo. Mário Spencer, Rosário Gonzaga, Maria Marrafa, Bruno Martins, Tânia da Silva e Jorge Baião dan vida a sete personaxes de procedencias ben diferentes que rememoran ese episodio histórico. Pierre-Etienne Heymann encargouse da dirección do espectáculo en colaboración con Rosário Gonzaga.

Un operario de mudanzas, unha burguesa piadosa, a muller dun contrarrevolucionario, un militante e antigo preso político, unha labrega explotada nunha quinta, a gobernanta do dono da quinta e un banqueiro expoñen aquí as súas lembranzas dese 25 de abril. Da confrontación dos seus relatos nacen, ademais, preguntas e reflexións inevitables sobre o camiño percorrido por Portugal desde a recuperación da democracia e sobre a situación económica que está a atravesar o país na actualidade.

Encontro previo na Escola Oficial de Idiomas
Con motivo da representación no Salón Teatro de ‘Autos da Revolução’ e afondado na liña de colaboración que manteñen o Centro Dramático Galego (CDG) e a Escola Oficial de Idiomas (EOI) de Santiago de Compostela, os actores Rosário Gonzaga e Mário Spencer manterán un encontro cos alumnos de portugués desde centro o mesmo xoves 15, ás 10.00 horas. Acompañados polo director do CDG, Manuel Guede Oliva, compartirán cos estudantes as principais claves desta montaxe teatral, así como do proceso de adaptación e creación de personaxes a partir dos textos de Lobo Antunes.

As entradas para a función do Centro Dramático de Évora en Compostela están xa á venda a través da web entradas.novagaliciabanco.es e da billeteira do Teatro Principal, aberta ao público de 18.00 a 21.00 horas. Poderán adquirise, ademais, no despacho de billetes do Salón Teatro o mesmo xoves desde as 18.30 horas. O seu prezo é de 10 euros, con descontos do 40% para estudantes, xubilados, desempregados, usuarios do carné xoven e determinados colectivos profesionais.

Este espectáculo forma parte, así mesmo, da oferta do Bono de Teatro Galego e Portugués, promovido conxuntamente pola Consellería de Cultura e Educación e o Concello de Santiago. O prezo deste bono, que pode mercarse nos devanditos despachos de billetes, é de 35 euros para un total de 5 funcións.

Ligazóns