Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

EVA PÉREZ ATIENZA, IKER GÓMEZ, VIRGINIA VALERO, ÁNGEL RODRÍGUEZ E LÁRAZO CARREÑO

O Centro Coreográfico Galego organiza na Coruña e Vigo cinco obradoiros de danza clásica e contemporánea dentro do seu plan formativo 2014

[09/05/2014] A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria desenvolverá un total de cinco talleres de danza clásica, contemporánea e composición coreográfica na Coruña e Vigo como parte do plan formativo 2014 do Centro Coreográfico Galego (CCG), para o que se acaba de abrir o período de inscrición. Profesionais da traxectoria de Eva Pérez Atienza, Iker Gómez, Virginia Valero, Ángel Rodríguez e Lárazo Carreño impartirán os encontros desta nova convocatoria, que se levarán a cabo en distintas datas dos meses de xullo e decembro nas sedes do CCG e da Escola Superior de Arte Dramática (ESAD).

Centro Coreográfico Galego

Dirixidos a profesionais da danza e a estudantes de nivel alto-medio, os obradoiros insírense na liña de traballo que o Coreográfico desenvolve no ámbito da formación continua e da creación de públicos. Neste terreo enmárcanse tamén iniciativas como as postas en escena de ‘A bela adormecida’ e o ‘Quebranoces’ xunto a conservatorios e escolas de danza de toda Galicia, ou as clases abertas na súa sede, entre outras.

Esta nova edición do programa de talleres dará comezo na semana do 30 de xuño ao 4 de xullo con cadanseu curso na Coruña e Vigo. Na aula do Centro Coreográfico Galego terá lugar o obradoiro ‘Gyrokinesis e danza clásica adaptada’, que impartirá Eva Pérez Atienza, bailarina, actriz e profesora certificada de Gyrotonic e Gyrokinesis. Creado polo bailarín Juliu Horvath, este último método prima o movemento ondulatorio, circular e rítmico para darlle ao corpo fluidez, harmonía, vitalidade e benestar interior. O obxectivo é alcanzar a simetría corporal e gañar en flexibilidade e forza a partir dos principios do ballet, a natación, a ximnasia, o Kundalini Yoga e o tai chi.

Composición coreográfica
Nesas mesmas datas, o coreógrafo e vídeocreador Iker Gómez conducirá un taller de danza contemporánea e improvisación na ESAD de Vigo. Tras cinco anos actuando como bailarín en teatros europeos como o Ballet Nacional de Suíza ou o Regensurg Tanztheater ás ordes de Jirí Kylián, Stjin Cellis, Rui Horta, Jo Stromgren ou Wim Vandekeybus, entre outras figuras internacionais, Gómez dirixiu a súa carreira cara á dirección escénica, a coreografía, a investigación e as artes audiovisuais. Desde 2011 é, ademais, responsable docente da Área de Contemporáneo do Instituto Universitario de Danza Alicia Alonso da Universidad Rey Juan Carlos.

Arredor da composición coreográfica xirará o obradoiro de Ángel Rodríguez na ESAD durante a semana do 21 ao 25 de xullo. Coreógrafo e mestre de formación e traxectoria ecléctica, Rodríguez foi adxunto á dirección do Ballet Carmen Roche, ademais de ter creado pezas para destacadas compañías dentro e fóra de España, como a Nacional de Danza, a de Rafael Amargo, o Balllet do Teatro Mijáilovski de San Petesburgo ou o propio Centro Coreográfico Galego, para o que en 2011 asinou ‘Dulce memoria’ como parte do espectáculo ‘3DTres’. En Vigo, o seu traballo cos alumnos comezará cunha clase de danza clásica para centrarse a continuación na creación coreográfica partindo da investigación e da experimentación.

Técnica clásica e puntas
Pola súa banda, Virgina Valero, directora do Conservatorio Superior de Danza de Madrid ‘María de Avila’ desde 2006, será a encargada de impartir o obradoiro de danza clásica que se celebrará do 14 ao 18 de xullo na sede do CCG. Neste caso, os alumnos terán a oportunidade de consolidar e mellorar a súa técnica da man dunha profesora cunha intensa e moi ampla traxectoria docente neste ámbito e membro, ademais, do Consello Nacional das Artes Escénicas do Ministerio de Cultura e do Consello Nacional da Danza.

O ballet clásico centrará, así mesmo, a última das citas deste programa que, baixo o título ‘Danza clásica e técnica de puntas’, terá lugar na Coruña durante a primeira semana do mes de decembro. O mestre cubano Lázaro Carreño, quen durante tres décadas percorreu todo o mundo como primeiro bailarín do Ballet Nacional de Cuba, compartirá os seus coñecementos cos alumnos do Centro Coreográfico Galego, como xa o fixo anteriormente no American Ballet Theatre, o Royal Ballet de Londres e a Compañía Nacional de Danza de España, entre outras institucións.

Prazas limitadas
O prazo de matrícula para cada un destes obradoiros permanecerá aberto ata quince días antes do seu comezo, establecéndose un límite de 20 prazas por taller. O CCG ofrece tamén a posibilidade de asistencia en calidade de oínte, modalidade para a que o límite se sitúa en 15 participantes. Na web www.centrocoreografico.org está dispoñible toda a información sobre proceso de inscrición e os diferentes prezos de matrícula.

Ao tempo que se pon en marcha esta nova convocatoria, a unidade de produción coreográfica da Consellería de Cultura e Educación retomará a partir do 15 de maio e ata o inicio destes encontros as clases regulares de danza clásica coas profesoras do Centro. Esta acción de formación continua está aberta a todos os profesionais e estudantes interesados, sen necesidade de confirmación previa, e terá lugar de luns a venres, de 10.00 a 11.30 horas.

Ligazóns