Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

O SÁBADO 10 E O DOMINGO 11, ÁS 18.00 HORAS

Bandullo Azul protagoniza no Salón Teatro unha fin de semana de humor para público familiar coa súa versión de Robinson Crusoe

[08/05/2014] A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acolle esta fin de semana no Salón Teatro de Santiago dúas representacións de ‘A verdadeira historia de Robinson Crusoe e Venres’, espectáculo para público infantil e familiar de Bandullo Azul, a nova compañía dos humoristas Fran Campos e Francisco Ameixeiras. Promovidas polo Concello de Santiago de Compostela, estas funcións terán lugar o sábado 10 e o domingo 11 de maio, ás 18.00 horas.

Detalle do cartaz

Evaristo Calvo, a metade do dúo cómico Mofa e Befa, dirixe esta orixinal revisión do clásico de Daniel Defoe na que, tras o seu naufraxio nunha pequena illa, un aristócrata inglés debe entenderse e compartir espazo cun ‘salvaxe’ para intentar sobrevivir sen apenas recursos.

Risas e reflexión
A linguaxe xestual e o enxeño serán claves para resolver a chea de situacións cómicas ás que se enfronta o náufrago e o seu compañeiro de fatigas. Así, a través das actividades cotiás, Robinson tentará "colonizar" a Venres desde o punto de vista do que el considera que debe ser o mundo civilizado. Pero este último resistiráselle e, pouco a pouco, amosaralle a Crusoe a importancia de ser libre e de se deixar levar polo xogo, a diversión e a contemplación na procura da felicidade.

Ademais da risa, as situacións provocadas polo choque entre estes dous mundos buscan tamén achegar aos espectadores unha reflexión sobre o que necesitamos realmente nas nosas vidas para ser felices.

Os actores Fran Campos e Francisco Ameixeiras puxeron en marcha a compañía Bandullo Azul hai dous anos, inspirándose e facendo un xogo de palabras a partir do famoso personaxe Barriga Verde creado por José Silvent, pioneiro do teatro de monicreques en Galicia. O seu obxectivo é levar a escena espectáculos de pequeno formato e pensados para todos os públicos. Da distribución das súas montaxes encárgase Culturactiva, distribuidora galega de teatro cómico, de rúa e circo con 14 anos de experiencia.

Venda de entradas
As entradas para ambas as funcións poden adquirirse de xeito anticipado no despacho de billetes do Teatro Principal, aberto ata o sábado de 18.00 a 21.00 horas. No Salón Teatro estarán dispoñibles tanto o sábado como o domingo desde dúas horas antes do comezo do espectáculo.

Ligazóns