Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

A REPRESENTACIÓN DO CDG TERÁ LUGAR ÁS 20.30 HORAS NO AUDITORIO MUNICIPAL

A xira de 'Longa viaxe cara á noite' recala este sábado 10 en Rianxo

[07/05/2014] A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria avanza na xira do espectáculo do Centro Dramático Galego (CDG) ‘Longa viaxe cara á noite’, versión galega do célebre drama autobiográfico do norteamericano Eugene O’Neill, que este sábado 10 de maio chega a Rianxo para ofrecer unha función ás 20.30 horas no Auditorio Municipal.

Longa viaxe cara á noite

Manuel Guede Oliva dirixe os actores Gonzalo Uriarte, Luisa Merelas, Marcos Viéitez e Alberto Rolán na súa interpretación dos Tyrone, unha familia quebrada polas frustracións persoais e os vicios, na que se atopan moitos trazos autobiográficos dos propios O’Neill.

Obra cumio
Esta primeira produción do ano en que o Centro Dramático Galego está a conmemorar o seu trixésimo aniversario supón, ademais, a incorporación da literatura dramática estadounidense ao variado e extenso repertorio da compañía institucional galega, con máis de 75 montaxes realizadas desde a súa fundación en 1984. Nesta ocasión, leva a escena a que está considerada como a obra cumio na prolífica produción literaria de O'Neill, premio Nobel de Literatura e -segundo numerosos estudos- pai fundador do teatro norteamericano moderno do que son debedores nomes como Tennessee Williams, Arthur Miller ou David Mamet, entre outros.

Estreada o pasado 22 de marzo no Salón Teatro de Santiago, ‘Longa viaxe cara á noite’ está a desenvolver unha ampla xira por diferentes espazos de Galicia e Portugal na que se combinan funcións para público xeral e pases específicos matinais dirixidos a alumnos de bacharelato.

Así, tras a súa función en Rianxo e despois de ser representada tamén en Compostela, Braga, Pontevedra, Barcelos, Narón, A Estrada e A Coruña, o espectáculo visitará Ourense (Teatro Principal, 17 de maio ás 20.30 h, día 18 ás 19.00 h e luns 19 ás 11.00 en función escolar), Vigo (Centro Cultural Fundación Novacaixagalicia, 22 e 23 de maio ás 20.30 h) e Tui (Teatro Municipal, 27 de maio ás 11.00 h). A distribución rematará no Teatro Municipal Lauro Olmo do Barco de Valdeorras o 30 de maio.

Sinopse
‘Longa viaxe cara á noite’ é a crónica dun día na vida dos Tyrone, transposición dramática dos propios O’Neill a través da que o autor estadounidense volve a vista cara á súa intensa e dolorosa xuventude, espertando os monstros que o atormentan. Cun pasado abafante, un presente en destrución e un futuro imposible, os catro membros da familia protagonista deixan caer as máscaras para deixarnos entrever as frustracións, as adiccións e o desarraigo que determinan o seu destino: James, un actor de éxito que pasou a súa vida de escenario en escenario sen poder formar un verdadeiro fogar; Mary, a súa muller, presa dunha adicción que non é quen de deixar atrás; Jamie, o fillo maior, alcohólico, cínico e descrido; e Edmund, o alter ego do escritor, un mozo soñador e romántico, pero enfermo de tuberculose.

Seguindo moitas das indicacións que o propio dramaturgo engadiu ao seu texto, a escenografía de Rodrigo Roel, a iluminación de Juanjo Amado e o espazo sonoro de Guillermo Vázquez subliñan a degradación familiar. Así, a medida que o día avanza, a néboa e o incesante son dunha serea envolven a residencia de verán dos Tyrone, que comeza entón a se tornar nun espazo tan asfixiante e agretado como as vidas dos que a habitan. Imma António Souto como axudante de dirección, María Negreira a cargo do vestiario e Fran Veiga na produción completan o equipo artístico desta produción.

Aclamada pola crítica e considerada a obra máis completa de O’Neill, ‘Long Day's Journey into Night’ foi recoñecida co Premio Pulitzer a título póstumo ¬-o cuarto concedido a unha das súas obras¬- tras ser publicada poucos anos despois da morte do autor, a pesar de que este deixara instrucións de que as súas pezas inéditas non deberían ver a luz ata 25 anos despois do seu pasamento.

Venda de entradas
As entradas para a representación deste sábado en Rianxo poden adquirirse no despacho de billetes do Auditorio Municipal ese mesmo día desde as 19.30 horas. O seu prezo é de 5 euros.

Ligazóns