Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

ESTE VENRES 9 DE MAIO, ÁS 21.00 HORAS

aCadaCanto presenta en concerto no Salón Teatro o disco no que pon voz e música a Rosalía de Castro

[07/05/2014] A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acolle este venres 9 no Salón Teatro de Santiago o concerto no que aCadaCanto, proxecto musical de Guadi Galego, Xabier Díaz, Guillerme Fernández e Xosé Lois Romero, presenta o seu disco ‘A rosa d’Adina’ como tributo a Rosalía de Castro. A actuación, promovida polo Concello de Santiago, dará comezo ás 21.00 horas.

aCadaCanto

O cuarteto, que chega a Compostela despois de ter participado no Harare International Festival of the Arts (HIFA) de Zimbabwe, pon voz e música aos versos da gran poetisa galega no que é o seu segundo traballo discográfico, co que nos últimos meses está a desenvolver unha ampla xira de presentación.

Editado por Músicas de Salitre a finais de 2013, ano no que se conmemorou o 150 aniversario da publicación de ‘Cantares gallegos’, ‘A rosa d’Adina’ reúne seis poemas de Rosalía reinterpretados e gravados por aCadaCanto na catedral de Tui durante a súa participación no programa Músicas no Claustro. Así, xunto con outros temas, no concerto do Salón Teatro soarán ‘Dende a Limia’, ‘Levoume o río’, ‘Tecín’, ‘Este meu camiño’, ‘Onde pousei a infancia’ e ‘Aló’ como tributo á obra rosaliana.

aCadaCanto xorde como proxecto puntual de catro grandes da música galega, que deciden levar a cabo unha proposta conxunta logo de teren coincidido por separado en diferentes iniciativas: Guillerme Fernández e Xabier Díaz son membros de Berrogüetto, banda na que anteriormente cantaba Guadi Galego; Xabier contou con Guillerme e con Xosé Lois Romero no seu ‘Músicas de salitre’; e Guadi e Guillerme publicaron xuntos ‘Arrolos de salitre’. Como aCadaCanto editaron en 2012 un disco homónimo no que mesturaban composicións orixinais con outras procedentes da música tradicional.

Venda de entradas
As entradas para o seu concerto deste venres poden adquirirse de xeito anticipado no despacho de billetes do Teatro Principal, aberto de 18.00 a 21.00 horas, ou no restaurante O Dezaseis. No Salón Teatro estarán dispoñibles o mesmo venres a partir das 19.00 horas.

Ligazóns