Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

OS CONVITES PODEN RETIRARSE NO DESPACHO DE BILLETES

O Salón Teatro acolle a 'première' española da longametraxe galego-cubana de Maikel G. Ortiz 'Lejos de La Habana'

[03/05/2014] A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ofrece mañá domingo 4 de maio no Salón Teatro de Santiago a ‘première’ en España da longametraxe de produción galego-cubana con guión e dirección de Maikel G. Ortiz ‘Lejos de La Habana’.

Fotograma da película

O filme, inspirado en acontecementos reais, narra as vivencias de tres cubanos residentes en Galicia, onde levan unha vida moi diferente á do seu país natal. A emigración e a súa influencia nos personaxes é o tema de fondo, tratado de xeito que dá como resultado unha emotiva historia de soidade, desamor e nostalxia.

As interpretacións de Yansamill Núñez, Ricardo Becerra e Maikel G. Ortiz nos roles protagonistas súmanse ás de outros once actores e actrices cubanos e galegos, nun elenco no que participan tamén unha colombiana e un angolano.

Fóra de estereotipos
A película fuxe de estereotipos e céntrase no individuo, no seu nivel de integración e na súa capacidade de asimilar o distanciamento das raíces afectivas e culturais a través da situación vital dos tres personaxes principais. Así, regresar ao seu país é a intención de Yolanda, cubana residente en Compostela, pero volver á illa resúltalle máis difícil que saír dela. Tamén Pablo desexa viaxar coa súa filla para que esta coñeza os seus avós cubanos. William, pola súa banda, atópase moi a gusto na capital de Galicia, pero ameazado por non asumir as súas débedas, debe decidir se volver a Cuba ou non.

‘Lejos de La Habana’, producida por LaCocinaFilmS e financiada en parte grazas a unha campaña de micromecenado, foi premiada como Mellor Produción na 13ª Muestra Joven de ICAIC (Instituto Cubano de Arte e Industria Cinematográficas).

A proxección no Salón Teatro dará comezo ás 18:00 horas e as entradas-convites pódense retirar mañá domingo do despacho de billetes.