Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

A NOVA PROGRAMACIÓN DÁ COMEZO Á VOLTA DA SEMANA SANTA COA XV MOSTRA DE TEATRO UNIVERSITARIO DE GALICIA

Un total de 37 funcións de teatro, danza, música, circo e cine ata finais de xuño no Salón Teatro

[16/04/2014] A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ofrece ata finais de xuño no Salón Teatro, espazo escénico que xestiona en Santiago de Compostela a través do Centro Dramático Galego (CDG), un total de 37 citas co teatro, a danza, a música, o novo circo e o cinema, desenvolvidas na súa meirande parte por compañías e artistas de diferentes puntos de Galicia.

Autos da Revoluçao

Esta nova programación dará comezo á volta da Semana Santa coa décimo quinta edición da Mostra de Teatro Universitario de Galicia, que organiza a Universidade de Santiago de Compostela do 21 ao 30 de abril. Un ano máis, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria colabora nesta iniciativa a través da cesión do Salón Teatro para dez das funcións inseridas neste encontro, no que participará un total de 11 compañías asociadas ás tres universidades galegas.

Xa en maio, a programación amplíase a outras disciplinas artísticas como a danza, a música ou o cinema. Así, Licenciada Sotelo abrirá a carteleira do mes os días 1 e 2 co seu espectáculo de danza contemporánea ‘Silencio, por favor’, mentres que no apartado teatral desenvolveranse dúas propostas dirixidas ao público familiar -‘A verdadeira historia de Robinson Crusoe e Venres’, de Bandullo Azul, os días 10 e 11; e ‘Smoke City’, de Malasombra, o 20 e 21-, así como a montaxe portuguesa ‘Autos da Revoluçao’, que o Centro Dramático de Évora realizou a partir de textos de António Lobo Antunes e que chega ao Salón Teatro na recta final da primeira edición do programa de intercambio Troco x Troco.

Humor e audiovisual
Ademais, Carlos Blanco e o debuxante Luís Dávila achegarán o humor a este espazo compostelán co seu espectáculo ‘Menú do día’, que porán en escena en función dobre o 31 de maio. E tamén haberá presenza do audiovisual coa estrea o 4 de maio do filme galego-cubano ‘Lejos de La Habana’, produción de La Cocina FilmS dirixida por Maikel G. Ortiz.

En canto á música, esta nova carteleira recolle tamén unha ampla oferta de concertos: as propostas galegas de Gallaecia Big Band (3 de maio), Acadacanto (9 de maio), o musical do Coro da Ra (23 e 24 de maio), o espectáculo ‘Descubrindo os Trinta de Trives’ (26 de maio) e Manoele de Felisa (28 de maio); e do dúo burgalés Fetén Fetén (30 de maio).

Xa en xuño, a actividade continuará con ‘Meu ben’, produción de Eme2 interpretada por Elina Luaces, Mercedes Castro e Rocío González, que poderá verse a partir do día 4, e co certame de improvisación que a escola Circo Nove organizará neste escenario os días 12 e 19. A programación completarase con tres funcións benéficas: a VIII Gala da Diversidade de Abagal (13 de xuño), o concerto da coral e da banda de música da Asociación Cultural Musical Solfa (20 de xuño) e o espectáculo ‘Las pruebas de Hércules’ da Fundación Down Compostela (27 de xuño).

Ligazóns