[11/04/2014] A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria presenta mañá sábado 12 de abril en Carballo a última produción de danza do Centro Coreográfico Galego (CCG), ‘Full House’, como parte da programación do festival Primavera en Danza que se está a desenvolver na localidade coruñesa.
A representación única, que terá lugar ás 21.00 horas no Pazo da Cultura, forma parte da xira que durante este mes desenvolve a compañía pública con esta peza creada polo coreógrafo sueco Johan Inger e destinada á difusión da danza contemporánea en Galicia.
‘Full House’, ideada especificamente por Inger para o CCG, constitúe o primeiro traballo en Galicia deste prestixioso coreógrafo, asociado profesionalmente ao Nederlands Dans Theater (NDT) e director artístico durante cinco anos do Cullberg Ballet.
Traballo introspectivo
O corpo de baile do CCG, que na actual temporada integran os doce bailaríns e bailarinas Àstrid Molinero, Juan Hernández, Paula M. Montoya, Ailen Ramos, Carmen Aparicio, Ana Serantes, Carlos Huerta, Jesús Benzal, Miguel A. Ponte, Rubén Ventoso, Raquel Santacruz e José Luis Cibreiro, executa durante os 30 minutos de duración da peza un traballo introspectivo realizado coa base sonora de distintos fragmentos da música folclórica húngara de Lajkó Félix.
A interpretación de ‘Full House’ vai precedida da reposición de ‘Magnificat’, peza tamén de estilo contemporáneo deseñada en 2011 por Amaury Lebrun, coreógrafo francés habitual colaborador do Centro Coreográfico. Lebrun, que na actualidade traballa na montaxe dun ballet coa Ópera de Sídney, creara ‘Magnificat’ como parte do espectáculo 3DTres, no que recreaba un mundo de contrastes no ámbito da historia da danza, coa utilización do tutú romántico en contraposición aos movementos máis actuais.
Apoio da Consellería de Cultura
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria colabora ademais co Concello de Carballo no desenvolvemento desta duodécima edición do programa Primavera en Danza, que está a ter lugar ata o 13 de abril cun total de cinco propostas contemporáneas en cartel e un programa paralelo para difundir esta manifestación artística entre o público.
En concreto, Cultura e Educación apoia a presenza nesta carteleira de dous espectáculos galegos -‘Momento Blooming’, de Cristina Montero & Rut Balbís, e ‘Silencio, por favor’, de Cía Licenciada Sotelo- a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios.
A programación de Primavera en Danza ofreceu tamén a peza ‘Return’, que integra teatro e danza da man de dous referentes na escena española, Chevi Muraday e Marta Etura, que se representou o pasado 4 día. A mostra pecharase o domingo 13 co espectáculo para público familiar ‘Constelaciones’, a cargo de Aracaladanza, compañía madrileña especializada en danza para os espectadores máis novos.