[03/04/2014] A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria programa esta fin de semana as últimas tres funcións do espectáculo ‘Longa viaxe cara á noite" do Centro Dramático Galego (CDG) no Salón Teatro de Santiago. A produción estará no escenario compostelán, onde se estreou o pasado 22 de marzo, mañá venres 4 e o sábado 5 ás 20.30 horas, en tanto que o domingo 6 a representación adiántase ás 18.00 horas.
Esta versión da coñecida obra do premio Nobel estadounidense Eugene O’Neill que dirixe Manuel Guede Oliva terá ofrecido deste xeito un total de doce pases na capital de Galicia (8 para público xeral e catro matinais concertadas con institutos de bacharelato (mércores e xoves).
Tras rematar esta estadía, ‘Longa viaxe cara á noite’ iniciará a próxima semana un percorrido de preto de dous meses por outras once localidades de Galicia e de Portugal: Braga (Theatro Circo, 10 de abril), Pontevedra (Centro Social da Fundación Novacaixagalicia, 12 de abril), Barcelos (Teatro Gil Vicente, 19 de abril), Narón (Pazo da Cultura, 26 de abril), A Estrada (Teatro Principal, 30 de abril), A Coruña (Teatro Rosalía Castro, 3 de maio), Rianxo (Auditorio Municipal, 10 de maio), Ourense (Teatro Principal, 17 e 18 de maio), Vigo (Centro Cultural Fundación Novacaixagalicia, 22 e 23 de maio), Tui (Teatro Municipal, 27 de maio) e O Barco de Valdeorras (30 de maio).
A vida dos Tyrone
Gonzalo Uriarte, Luisa Merelas, Marcos Viéitez e Alberto Rolán dan vida á familia Tyrone, transposición dramática da propia familia O’Neill neste texto autobiográfico polo que o dramaturgo norteamericano foi recoñecido postumamente co seu cuarto premio Pulitzer. De feito, moitos dos especialistas na obra de Eugene O’Neill consideran ‘Long Day’s Journey into Night’ como un dos cumios creativos do seu autor, quen se sitúa á súa vez entre os grandes nomes do teatro norteamericano e universal.
Esta versión galega e en galego é a produción central da temporada 2013-14 da compañía teatral da Xunta de Galicia, que este ano conmemora o trixésimo aniversario da súa fundación.
As entradas para as súas funcións en Santiago poden adquirirse xa a través da web entradas.novagaliciabanco.es, así como na billeteira central do Teatro Principal de Santiago, aberta de martes a sábado de 18.00 a 21.00 horas. Ademais, as sete representacións para público xeral de ‘Longa viaxe cara á noite’ forman parte da oferta escénica adherida do Bono de Teatro Galego (e Portugués) do Concello de Santiago.