Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

SERÁ NO AUDITORIO MUNICIPAL ÁS 20:00 HORAS

O Centro Coreográfico presenta mañá en Cangas o ballet clásico 'A Bela Adormecida' coa participación de alumnos da escola Maite Quiñones

[28/03/2014] A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ofrece mañá sábado 29 de marzo en Cangas de Morrazo unha función de ‘A bela adormecida’, a última produción clásica do Centro Coreográfico Galego (CCG) a partir do famoso ballet de Piotr Illich Tchaikovski e Marius Petipa. Alumnos e alumnas da escola de danza canguesa Maite Quiñones participan esta representación, que terá lugar ás 20:00 horas no Auditorio Municipal.

Imaxe do espectáculo

O espectáculo vén precedido do gran éxito de público obtido pola compañía pública na estrea desta montaxe hai un mes no Pazo da Ópera da Coruña, onde congregou xunto á Orquestra Sinfónica de Galicia un total de 12.962 espectadores con cheos practicamente absolutos nos seus dous pases xerais e seis escolares.

Baixo a dirección escénica da responsable do CCG, Mercedes Suárez, a posta en escena de ‘A bela adormecida’ conta coa participación de estudantes de danza de toda Galicia, seguindo a mesma fórmula empregada no ‘Quebranoces’, a anterior proposta clásica do Coreográfico que foi estreada a finais de 2012.

Afóndase deste xeito na liña de colaboración didáctica que a Consellería de Cultura e Educación está a desenvolver a través do súa unidade de danza cunha dobre finalidade: dunha banda, contribuír á creación de novos públicos para esta disciplina artística e doutra, favorecer a motivación dos estudantes e profesores mediante a súa implicación nunha produción coreográfica a nivel profesional.

Bailaríns profesionais e estudantes
Así, en Cangas o elenco de 12 bailaríns profesionais -Àstrid Molinero, Juan M. Hernández, Paula Montoya, Ailen Ramos, Carmen Aparicio, Ana Serantes, Carlos Huerta, Jesús Benzal, Miguel A. Ponte, Rubén Ventoso, Raquel Santacruz e José Luís Cibreiro- comparte escenario con rapaces e rapazas de diferentes idades que cursan estudos nos conservatorios profesionais de Lugo e da Deputación da Coruña, ademais da citada escola canguesa Maite Quiñones.

Na ficha artística desta nova montaxe clásica, María Villas repite como deseñadora do vestiario e da escenografía, que -como é habitual nas producións da compañía pública- foron realizados polos equipos de xastrería e de talleres da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais).

‘A bela adormecida’ concentra en dous actos un dos ballets máis aclamados do repertorio clásico internacional, estreado en 1890 con coreografía de Petipa, libreto de Vsevolojski e música de Tchaikovski. A primeira parte céntrase na historia da princesa Aurora escrita polo francés Charles Perrault, mentres que a segunda parte corresponde ao terceiro acto do orixinal e recrea outros contos do mesmo autor, como ‘O gato con botas’, ‘Carapuchiña vermella’ ou ‘O paxaro azul’.

As entradas poden adquirirse por adiantado a través da web servinova.com ou do teléfono 902 504 500; e tamén despacho de billetes do Auditorio Municipal.