Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

EDÍTASE O LIBRO 'SALÓN TEATRO. CORAZÓN DO ESPECTÁCULO'

Cultura e Educación divulga a traxectoria do Salón Teatro como referente cultural para Santiago de Compostela e para Galicia

[26/03/2014] A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, o Consorcio de Santiago e Alvarellos Editora presentaron esta tarde, na véspera do Día Internacional do Teatro, o libro ‘Salón Teatro. Corazón do espectáculo’, no que o profesor de Historia da Arte da USC Jesús Ángel Sánchez aborda a traxectoria deste referente cultural para Santiago de Compostela e para Galicia, desde a súa inauguración, en 1920, ata a actualidade.

Fachada do Salón Teatro

Con esta publicación, "ponse de relevo o significado dun espazo cultural emblemático da cidade compostelá e de Galicia", afirmou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, quen se referiu ao Salón Teatro como "unha peza clave para o pulso cultural de Galicia".

Acompañado polo presidente do Consorcio de Santiago e alcalde do concello, Ángel Currás; polo director do Centro Dramático Galego, Manuel Guede; polo director de Alvarellos Editora, Henrique Alvarellos; e polo propio autor da obra, Jesús Ángel Sánchez, o responsable de Cultura destacou o interese desta obra a prol da difusión e posta en valor do Salón Teatro, actual sede do Centro Dramático Galego, que celebra en 2014 o trixésimo aniversario da súa fundación.

Máis de 90 anos de historia
Fotografías, planos, carteis e referencias en prensa son algúns dos elementos que ilustran este volume, no que se aborda a actividade cultural e social desenvolvido neste espazo escénico durante os seus máis de 90 anos de historia, e que se completa cun estudo sobre a súa arquitectura e deseño construtivo, que detalla as modificacións e reformas experimentadas ao longo do tempo.

Concertos, cine, teatro e outras manifestacións artísticas formaron parte da programación desenvolvida ao longo da traxectoria deste espazo de exhibición escénica, situado no número 34 da rúa Nova, que agora se difunde a través da obra promovida pola Consellería de Cultura e Educación, polo Consorcio de Santiago e por Alvarellos Editora.