Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

VÁZQUEZ ABAD ASISTIU NO SALÓN TEATRO A ESTA PRIMEIRA FUNCIÓN DA NOVA PRODUCIÓN DO CDG, QUE CONGREGOU PERSONALIDADES DO ÁMBITO DA CULTURA E DO ESPECTÁCULO

Noite de estrea no Centro Dramático Galego con 'Longa viaxe cara á noite'

[22/03/2014] A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria estreou esta noite en Santiago de Compostela o espectáculo ‘Longa viaxe cara á noite’, drama autobiográfico do premio Nobel de Literatura Eugene O’Neill que o Centro Dramático Galego leva ás táboas como produción central desta temporada. O conselleiro Xesús Vázquez Abad quixo acompañar o equipo do espectáculo e o seu director, Manuel Guede Oliva, nesta primeira función no Salón Teatro, que congregou numerosas personalidades do ámbito institucional, académico e cultural galego.

Longa viaxe cara á noite

Xunto con Vázquez Abad, en representación da Consellería de Cultura e Educación asistiron tamén á estrea o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, mailo director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil. Desde un patio de butacas cheo, seguiron a interpretación de Luisa Merelas, Alberto Rolán, Gonzalo Uriarte e Marcos Viéitez no papel dos Tyrone, unha familia quebrada polas frustracións e os vicios na que se reflicten moitos trazos dos propios O'Neill.

Sete funcións xerais
Coa función desta noite -a primeira da compañía pública no ano en que conmemora o trixésimo aniversario-, iníciase o período de exhibición de ‘Longa viaxe cara á noite’ na sede do CDG, onde poderá verse ata o 6 de abril. En total, a partir de mañá domingo, ofreceranse outros sete pases para público xeral (venres e sábados, ás 20.30 horas, e domingos, ás 18.00 horas) e catro matinais, concertadas con institutos de toda Galicia para os seus alumnos de bacharelato (mércores e xoves, ás 11.00 horas). A continuación, a compañía pública iniciará unha xira durante a que a versión galega desta obra, considerada o cumio creativo de O’Neill e un dos fitos da literatura dramática en lingua inglesa do século XX, será representada noutras 11 localidades galegas e portuguesas.

As entradas para as funcións xerais de Santiago están á venda a través da web entradas.novagaliciabanco.es, así como na billeteira central do Teatro Principal, aberta de martes a sábado de 18.00 a 21.00 horas, e na do Salón Teatro os días de representación, desde dúas horas antes do comezo da mesma. O seu prezo é de 10 euros os venres e sábados (con descontos do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xove e desempregados) e de 5 euros o domingo, día do espectador. Ademais, este espectáculo inclúese na oferta escénica do ‘Bono de teatro galego (e portugués)’, que a Consellería de Cultura e Educación mantén co Concello de Santiago.

Ligazóns