Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

NO ANO EN QUE SE CONMEMORA O TRIXÉSIMO ANIVERSARIO DA SÚA FUNDACIÓN, O CDG ACHÉGASE POR PRIMEIRA VEZ Á LITERATURA DRAMÁTICA NORTEAMERICANA

O Centro Dramático Galego estrea este sábado 'Longa viaxe cara á noite', o drama autobiográfico do Nobel Eugene O'Neill

[18/03/2014] A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria estrea este sábado 22, ás 20.30 horas, no Salón Teatro de Santiago ‘Longa viaxe cara á noite’, o célebre drama autobiográfico do Premio Nobel de Literatura Eugene O'Neill na versión do Centro Dramático Galego (CDG) que asina o seu director, Manuel Guede Oliva. O novo espectáculo da compañía pública permanecerá na carteleira compostelá ata o 6 de abril para se presentar a continuación noutras once localidades galegas e portuguesas durante unha xira que se estenderá ata finais do mes de maio.

Presentación de Longa viaxe cara á noite

No ano en que se conmemora o trixésimo aniversario da súa creación, a compañía pública galega incorpora a literatura dramática estadounidense ao seu variado e extenso repertorio, con 75 producións estreadas desde 1984. E faino a través da obra cumio na prolífica produción literaria de O'Neill, a quen numerosos estudos definen como pai fundador do teatro norteamericano moderno e do que son debedores nomes como Tennessee Williams, Arthur Miller ou David Mamet, entre outros.

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, acompañaron hoxe a Manuel Guede Oliva e os actores Gonzalo Uriarte, Luisa Merelas, Marcos Viéitez e Alberto Rolán na presentación da que é a produción central do CDG para esta temporada 2013-2014.

Peza arriscada e profunda
Na súa intervención, Anxo Lorenzo salientou a pertinencia desta nova proposta do Centro Dramático Galego tanto polo lugar que o conxunto da obra de O'Neill ocupa no panorama literario universal -así, por exemplo, en 1936 se converteu no primeiro dramaturgo do seu país en ser recoñecido co Nobel de Literatura-, como polas especiais características desta peza autobiográfica, arriscada, profunda e chea de matices interpretativos, que preto de sesenta anos despois da súa estrea continúa a ser unha obra de referencia nos repertorios de destacadas compañías de todo o mundo.

Neste sentido, resaltou o camiño de tres décadas de actividade continuada que leva percorrido o CDG a prol da normalización da profesión teatral en Galicia. Incidiu tamén en que só desde un sistema teatral maduro e de calidade a nivel actoral se poden asumir con solvencia os múltiples perfís dos catro personaxes protagonistas. Así, Gonzalo Uriarte, Luisa Merelas, Marcos Viéitez e Alberto Rolán son un excelente reflexo do amplo abano xeracional do que hoxe en día pode facer gala a profesión teatral galega.

Caen as máscaras
‘Longa viaxe cara á noite’ é a crónica dun día na vida dos Tyrone, transposición dramática dos propios O’Neill a través da que o autor estadounidense volve a vista cara á súa intensa e dolorosa xuventude, espertando os monstros que o atormentan. Cun pasado abafante, un presente en destrución e un futuro imposible, os catro membros da familia protagonista deixan caer as máscaras -tras as que se ocultan verdades e se conteñen sentimentos- para deixarnos entrever as frustracións, as adiccións e o desarraigo que determinan o seu destino: James, un actor de éxito que pasou a súa vida de escenario en escenario sen poder formar un verdadeiro fogar; Mary, a súa muller, presa dunha adicción que non é quen de deixar atrás; Jamie, o fillo maior, alcohólico, cínico e descrido; e Edmund, o alter ego do escritor, un mozo soñador e romántico, pero enfermo de tuberculose.

Seguindo moitas das indicacións que o propio dramaturgo engadiu ao seu texto, a escenografía de Rodrigo Roel, a iluminación de Juanjo Amado e o espazo sonoro de Guillermo Vázquez subliñan a degradación familiar. Así, a medida que o día avanza, a néboa e o incesante son dunha serea envolven a residencia de verán dos Tyrone, que comeza entón a se tornar nun espazo tan asfixiante e agretado como as vidas dos que a habitan. Imma António Souto como axudante de dirección, María Negreira a cargo do vestiario e Fran Veiga na produción completan o equipo artístico desta nova produción.

Aclamada pola crítica e considerada a obra máis completa, ‘Long Day's Journey into Night’ foi recoñecida co Premio Pulitzer a título póstumo -o cuarto concedido a unha das súas obras- tras ser publicada poucos anos despois da morte de O'Neill, a pesar de que este deixara instrucións de que as súas pezas inéditas non deberían ver a luz ata 25 anos despois do seu pasamento.

Doce funcións en Compostela
Tras a función de estrea deste sábado, 'Longa viaxe cara á noite' poderá verse ata o 6 de abril na sede compostelá do CDG, onde se ofrecerán outros sete pases para público xeral (venres e sábados, ás 20.30 horas, e domingos, ás 18.00 horas) e catro matinais, concertadas con institutos de toda Galicia para os seus alumnos de bacharelato (mércores e xoves, ás 11.00 horas). Para esta campaña escolar, Imma António Souto elaborou un completo caderno pedagóxico co obxectivo de proporcionarlles tanto aos profesores como aos estudantes unha ferramenta útil para o traballo na clase como actividade paralela á asistencia ao espectáculo.

As entradas están á venda a través da web entradas.novagaliciabanco.es, así como na billeteira central do Teatro Principal, aberta de martes a sábado de 18.00 a 21.00 horas, e na do Salón Teatro os días de representación, desde dúas horas antes do comezo da mesma. O seu prezo é de 10 euros os venres e sábados (con descontos do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xove e desempregados) e de 5 euros o domingo, día do espectador.

Ademais, estes sete pases para público xeral de ‘Longa viaxe cara á noite’ en Santiago forman parte da oferta escénica adherida ao programa bonificado de teatro galego que a Consellería de Cultura e Educación, a través da Agadic, mantén co Concello de Santiago co obxectivo de promocionar as producións galegas que se exhiben nos escenarios composteláns de xestión pública. Este ‘Bono de teatro galego (e portugués)’ permite asistir a cinco funcións a escoller entre os espectáculos de de 2014 e pode adquirirse a un prezo de 35 euros nas billeteiras do Teatro Principal e do Salón Teatro.

Xira
Tras rematar esta estadía, ‘Longa viaxe cara á noite’ iniciará un percorrido de preto de dous meses por outras once localidades de Galicia e de Portugal: Braga (Theatro Circo, 10 de abril), Pontevedra (Centro Social da Fundación Novacaixagalicia, 12 de abril), Barcelos (Teatro Gil Vicente, 19 de abril), Narón (Pazo da Cultura, 26 de abril), A Estrada (Teatro Principal, 30 de abril), A Coruña (Teatro Rosalía Castro, 3 de maio), Rianxo (Auditorio Municipal, 10 de maio), Ourense (Teatro Principal, 17 e 18 de maio), Vigo (Centro Cultural Fundación Novacaixagalicia, 22 e 23 de maio), Tui (Teatro Municipal, 27 de maio) e O Barco de Valdeorras (30 de maio).

Coincidindo co inicio dos ensaios da súa nova montaxe a primeiros do pasado mes de febreiro, o CDG puxo en marcha o blog longaviaxecaraanoite.wordpress.com como recurso en liña ideado como una especie de caderno de bitácora desde o que compartir experiencias e información sobre esta montaxe.

Carácter divulgativo
A través desta nova canle de comunicación, que xa recibiu 3.000 visitas, o Centro Dramático Galego afonda na súa misión de divulgación da arte dramática entre a cidadanía. Así, o público ten ao seu alcance todas as novidades relativas ao espectáculo, así como diferentes materiais de apoio e difusión como o cartel, o caderno pedagóxico ou as galerías de imaxes. Tamén desde aquí se pode acceder á venda electrónica de entradas e a diferentes recursos dixitais sobre a figura de Eugene O'Neill e a súa obras.

Ligazóns