[02/03/2007] A compañía galega Lagarta Lagarta inicia no Salón Teatro de Santiago a xira da súa última produción, As últimas lúas , unha adaptación de Cándido Pazó do texto Le Ultime Lune de Furio Bordon. Baixo a dirección de Xulio Lago, o trío interpretativo que compoñen Ernesto Chao, Rosa Álvarez e Artur Trillo ofrecerán dúas funcións desta montaxe mañá sábado 3 ás 20.30 h. e o domingo 4 ás 18.00 h., primeiras representacións trala estrea en Narón a pasada semana.
As últimas lúas conta a historia dun vello profesor de literatura xubilado que decide abandoar a casa na que vive co seu fillo e os seus netos para trasladarse a unha residencia da terceira idade. O ancián espera que tenten disuadilo, pero a súa sorpresa é que acollen a súa decisión con gran alegría. A obra atrévese a intentar, cunha intensa carga de delicado humor e de inmensa tenrura, unha mirada seria e serena sobre aqueles pasos tan fundamentais no noso transitar pola vida, deixando caer sobre o espectador interrogantes sobre o lugar ocupan os nosos maiores na sociedade contemporánea.
ESTREADA POR MASTRIOANI
As últimas lúas foi escrita en 1994 polo autor italiano Furio Bordon e estreada no Teatro Stabile de Venecia con Marcello Mastroiani como protagonista, actuación que supuxo a despedida do mítico actor dos escenarios.
A obra mereceu en 1994 o Premio do Instituto do Drama Italiano ao Mellor Texto Teatral e o Premio ao Mellor Espectáculo do Ano en Francia na temporada 1997-1998 despois da súa estrea en lingua francesa no Rideau de Bruxelas. Esta peza foi, ademais, representada nos máis nomeados teatros tanto de Europa como de América; e foi traducida a 12 linguas. Nestes momentos Le últime lune está de xira por Italia, dirixida polo propio autor na versión íntegra do texto.
As entradas para as representacións poranse á venda no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo do espectáculo. O prezo das localidades é de 10 € para o sábado, cun desconto do 40% para estudantes, usuarios de carné xoven e maiores de 65 anos, e de 5 € para o domingo, día do espectador.