Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

A NOVA PRODUCIÓN DO CDG ESTRÉASE O 22 DE MARZO E PERMANECERÁ NA CARTELEIRA COMPOSTELÁ ATA O 6 DE ABRIL

Á venda as entradas para as funcións no Salón Teatro de 'Longa viaxe cara á noite'

[27/02/2014] A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria abriu a venda anticipada de entradas para as funcións do espectáculo ‘Longa viaxe cara á noite’ que o Centro Dramático Galego (CDG) desenvolverá na súa sede, o Salón Teatro de Santiago. Esta versión da coñecida obra do premio Nobel estadounidense Eugene O’Neill estréase o 22 de marzo e permanecerá na carteleira compostelá ata o 6 de abril para ofrecer sete pases para público xeral (de venres a domingo) e catro matinais concertadas con institutos de bacharelato (mércores e xoves).

Ensaio de longa viaxe cara á noite

O equipo artístico e técnico da nova produción da compañía pública instalouse esta semana no Salón Teatro para a última fase dos ensaios baixo as indicacións de Manuel Guede Oliva, director do CDG e deste espectáculo. Gonzalo Uriarte, Luisa Merelas, Marcos Viéitez e Alberto Rolán dan vida á familia Tyrone, transposición dramática da propia familia O’Neill neste texto autobiográfico polo que o dramaturgo norteamericano foi recoñecido postumamente co seu cuarto premio Pulitzer. De feito, moitos dos especialistas na obra de Eugene O’Neill consideran ‘Long Day’s Journey into Night’ como un dos cumios creativos do seu autor, quen se sitúa á súa vez entre os grandes nomes do teatro norteamericano e universal.

Esta versión galega e en galego será a produción central da temporada 2013-14 da compañía teatral da Xunta de Galicia, que este ano conmemora o trixésimo aniversario da súa fundación. As entradas para as súas funcións en Santiago poden adquirirse xa a través da web entradas.novagaliciabanco.es, así como na billeteira central do Teatro Principal de Santiago, aberta de martes a sábado de 18.00 a 21.00 horas.

Bono de teatro galego
Ademais, as sete representacións para público xeral de ‘Longa viaxe cara á noite’ forman parte da oferta escénica adherida ao programa bonificado de teatro galego que a Consellería de Cultura e Educación, a través da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), mantén co Concello de Santiago co obxectivo de promocionar as producións galegas que se exhiben nos escenarios composteláns de xestión pública. Este ‘Bono de teatro galego (e portugués)’ permite asistir a cinco funcións a escoller entre a oferta de 2014 e pode adquirirse a un prezo de 35 euros nas billeteiras do Teatro Principal e do propio Salón Teatro, que abre os días de función desde dúas horas antes do comezo do espectáculo.

Ao tempo que avanza a montaxe de ‘Longa viaxe cara á noite’, o Centro Dramático Galego continúa degraendo detalles e anécdotas sobre a obra, o seu autor e esta versión a través do blog do espectáculo (longaviaxecaraanoite.wordpress.com"), actualizado puntualmente con novos ‘posts’, vídeos e demais material audiovisual arredor do proceso creativo. Nese mesmo enderezo electrónico, así como na web do CDG (www.centrodramatico.org), está dispoñible a información práctica sobre a venda de entradas para as representacións en Santiago e proximamente ofreceranse os datos da xira que a compañía pública emprenderá a continuación por diferentes escenarios galegos e portugueses.

Ligazóns