[12/02/2014] A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria organizou esta tarde, a través do Centro Dramático Galego e da Escola Oficial de Idiomas (EOI) de Santiago, un encontro arredor do espectáculo ‘Novas diretrizes em tempos de paz’, que A Escola da Noite de Coimbra representa mañá xoves, ás 20.30 h, no Salón Teatro dentro do programa Troco x Troco de intercambio teatral con Portugal.
O director da EOI, Gonzalo Constenla, foi o encargado de presentar o director da Escola da Noite, António Augusto Barros, e os actores Igor Lebreaud e Jorge Loureiro, que compartiron cos alumnos dos diferentes niveis de Portugués que se imparten neste centro as claves desta versión da obra do autor brasileiro Bosco Brasil, un dos nomes indispensables da dramarurxia contemporánea do seu país.