[13/02/2014] A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria programa este sábado día 15, ás 20.30 horas, no Salón Teatro de Santiago o espectáculo italiano ‘Gita all’Inferno’ a través do que a compañía sarda Akròama Teatro Stabile d’Innovazione ofrece unha revisión contemporánea de ‘A divina comedia’ de Dante.
O grupo italiano, recoñecido polo seu labor de investigación dramática e de desenvolvemento das novas linguaxes artísticas, chega a Compostela como único destino español incluído na xira que está a desenvolver pola Península Ibérica e dentro da que se presenta tamén nas cidades portuguesas de Braga, Coimbra e Barcelos.
Nunzio Caponio é o autor desta proposta, que realizou en colaboración con Simeone Latini. Xuntos asinan tamén a dirección e a interpretación deste espectáculo de teatro contemporáneo que, cunha importante compoñente audiovisual, mantén intactos os versos de Dante e, porén, transforma radicalmente a súa obra.
A historia dá comezo cando un político anónimo é asasinado nun bosque á entrada dunha cidade calquera. Orientado por un estraño, que vive á marxe da sociedade, é informado da súa nova condición de "alma perdida", ao tempo que comeza unha viaxe a través do ‘Inferno’ de Dante na que deberá facer as súas escollas na procura de deixar atrás a escuridade.
Novo encontro na Escola Oficial de Idiomas
Como actividade paralela a esta representación, Nunzio Caponio e Simeone Latini protagonizarán mañá venres un encontro cos alumnos de Italiano da Escola Oficial de Idiomas (EOI) de Santiago, que terá lugar ás 10.30 horas no Salón de Actos deste centro. Esta sesión insírese na liña de colaboración aberta entre o Centro Dramático Galego e a EOI en relación coa presentación na cidade de compañías internacionais.
As entradas para a función de ‘Gita all’Inferno’ no Salón Teatro están xa á venda a través da web entradas.novagaliciabanco.es e da billeteira do Teatro Principal, aberta ao público de 18.00 a 21.00 horas. Poderán adquirise, ademais, no despacho de billetes do Salón Teatro o mesmo sábado desde as 18.30 horas. O seu prezo é de 10 euros, con descontos do 40% para estudantes, xubilados, desempregados, usuarios do carné xove e determinados colectivos profesionais.
Este espectáculo forma parte, así mesmo, da oferta do bono teatral promovido conxuntamente pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), e o Concello de Santiago de Compostela. O prezo deste bono, que pode mercarse nos devanditos despachos de billetes, é de 35 euros para un total de 5 funcións.