Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

REPRESÉNTASE O SÁBADO 8, ÁS 20.30 HORAS, E O DOMINGO 9, ÁS 18.00 HORAS

A compañía compostelá VerdeVeras estrea esta fin de semana no Salón Teatro o espectáculo 'Desalmad@s'

[06/02/2014] O Salón Teatro, espazo de Santiago de Compostela xestionado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, acolle esta fin de semana a estrea de ‘Desalmad@s’, a nova proposta escénica de VerdeVeras Expresións Artísticas. Estas primeiras funcións do espectáculo, que interpreta en solitario María Ángeles Iglesias, terán lugar o sábado 8 de febreiro, ás 20.30 horas, e o domingo 9, ás 18.00 horas.

Desalmad@as

Iglesias é tamén a responsable da dramaturxia desta peza que ten como punto de partida a necesidade dun outro, a procura da alma xemelga nun mundo materialista que fomenta o individualismo como fórmula para o éxito. Con esta premisa, afonda -en palabras da propia compañía- "na lóxica da loucura e na loucura da lóxica dunha muller que venera a perfección, pero que será quen de levar a cabo as situacións máis terribles con tal de encontrar a súa outra metade".

Crítica social
Ademais, ‘Desalmad@s’ propón unha crítica á sociedade desde esta caricatura da perfección, que porén oculta a incomprensión, a soidade extrema e mesmo a loucura. Ofrece, neste sentido, varias lecturas posibles que van desde o máis superficial e cómico ata o máis profundo e terrible.

Estas ideas vense reforzadas, así mesmo, polo deseño de movemento ideado pola profesora e bailarina Xus Raíndo e polo espazo sonoro e a música orixinal de Tato López, todo baixo a supervisión xeral do director de escena Carlos Neira.

VerdeVeras Expresións Artísticas é unha compañía independente creada en 2010 polo músico e cantautor Tato López e a actriz e cantante María Ángeles Iglesias. ‘Desalmad@s’ é a súa segunda proposta, despois de que en 2001 presentaran ‘Tacóns na corda’, o seu espectáculo de debut.

Entradas e bono
As entradas para as dúas funcións desta fin de semana están xa á venda na billeteira do Teatro Principal, aberta ao público de 18.00 a 21.00 horas, mentres que na do propio Salón Teatro poderán mercarse o sábado desde as 18.30 horas e o domingo desde as 16.00 horas. O seu prezo é de 10 euros para o primeiro día (con descontos do 40% para estudantes, xubilados, desempregados, usuarios do carné xoven e determinados colectivos profesionais) e de 5 euros para o domingo, día do espectador.

Esta é, ademais, unha das propostas da programación inserida no Bono de Teatro Galego e Portugués, promovido conxuntamente pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e o Concello de Santiago para impulsar a oferta teatral galega de 2014 no Salón Teatro e no Teatro Principal, xunto coas propostas máis alternativas que acollen a Zona C e a Sala Agustín Magán. O prezo deste bono, que pode adquirirse nos devanditos despachos de billetes, é de 35 euros para un total de cinco funcións.

Ligazóns