Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

ESTÁ INSPIRADA NA VIDA DE PERSONAXES REAIS DUNHA REXIÓN DE COLOMBIA

O Salón Teatro acolle a danza de Rayo Malayo coa peza "Los olvidados"

[28/02/2007] O Salón Teatro de Santiago ofrece mañá xoves día 1 e o venres día 2, ás 20.30 horas, dúas funcións do espectáculo Los olvidados , coreografía da compañía madrileña Rayo Malayo como parte da programación de danza deseñada este trimestre polo Centro Dramático Galego. A obra está baseada no libro titulado "Los olvidados, resistencia cultural en Colombia", que trata sobre a vida en Magdalena Medio, unha rexión colombiana castigada pola violencia e a pobreza.

Foto Rayo Malayo

Tito Nelly, Lastenia Montesinos, Rusbel Chimentry, José Alcebiades "Quemazón", Evangelina e Francisca e Juan Ibarra son os personaxes reais que impregnaron de vida a esta obra coreográfica. A pesar das súas desgrazas persoais, a pesar das desgrazas políticas e sociais da zona na que habitan, como se de maxia se tratase, seguen crendo na vida. Seguen bailando, tocando e cantando, crendo no amor e na poesía. Este espectáculo non pretende narrar as súas vidas, nin a situación de onde viven, pero si mergullarse nese mundo cheo de símbolos, estados anímicos e momentos de reflexión.

Carmen Varela, Billie Pérez e Silvia González son os intérpretes que, xunto a Cristiane Boullosa e Francesc Bravo, interveñen en Los olvidados, un traballo coreografiado por Boullosa para Rayo Malayo, compañía creada por Bravo hai 15 anos. En todo este tempo colaboraron con diversas formacións e danzantes, pero cunha única constante: o compromiso co público, o gozo de bailar e a enerxía do corpo potenciada pola música.

Desde o seu inicio, a forza de Rayo Malayo impregnou os principais festivais de danza contemporánea en España e nalgúns espazos de países como Filipinas, Italia, Colombia e Marruecos. En 15 anos coreografiou máis de 20 espectáculos: Situaciones Cortas, El Ring, El interior, Historia Pélez, Visto, leído… No miro, Canal para dos, Achotres, Kanal Directo, El Forat Cosmic, Por mi lado, Dens, oli, pedra, Trans-lata-madre , etc. En colaboración con Cristiane Boullosa crea "¡Ay! en la vida" para o colectivo Sobresaltos (Colombia), "De meninas e soños", para a Cía. Dobre Xiro, "Pau Linda", estreada no Festival Escena Contemporánea de Madrid, "Amor de mare" para o colectivo MarcaPasos, estreado en Chef Chouen (Marruecos), "Silencio de Paso" para o colectivo Sinffin, encargo para o Día Internacional do Museo (Madrid).

As entradas para Los olvidados poranse á venda no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo do espectáculo. O prezo das localidades é de 10 euros, ao que se apican os descontos habituais.